viernes, 24 de enero de 2020

Baltar: "A singularidade dos parques naturais da provincia, o que unido ao termalismo e ás nosas tradicións, fan de Ourense un territorio para “ser e estar” na historia


Esta mañá a provincia de Ourense presentou en FITUR, a Feira Internacional de Turismo de Madrid, as súas fortalezas de cultura, historia, natureza e termalismo, “co aval de ser a provincia galega que máis medrou en turismo no último ano”. 

Así o expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacou na presentación da proposta ourensá deste ano, o Xeodestino “Terra de Celanova-Serra do Xurés”, “a singularidade dos parques naturais da provincia, o que unido ao termalismo e ás nosas tradicións, fan de Ourense un territorio para “ser e estar” na historia, para que cada visitante viva unha experiencia única de inmersión total na nosa identidade milenaria”.

Xunto ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e alcaldes e representantes dos concellos que integran a proposta, o presidente do goberno provincial explicou que o produto turístico que traemos a FITUR “é froito do labor conxunto do Inorde e dos 14 municipios que forman parte das comarcas de Terra de Celanova e da Baixa Limia, cuxo denominador común é o turismo cultural, activo e de natureza”.

“O mundo prerrománico, románico, barroco e outros estilos arquitectónicos, así como a herdanza dos camiños xacobeos e as vías romanas que atravesan a provincia, e mesmo a riqueza prehistórica”, son os elementos que destacan da proposta que Ourense trae a FITUR para ofrecer ese carácter aberto, internacional e aglutinador de culturas que define ao noso territorio desde hai máis de dous mil anos”, salientou Baltar.

Ourense: récord de visitantes

O presidente da Deputación dixo que Ourense “é a provincia galega que máis ten crecido en turismo, con récord histórico de visitantes e pernoctacións, un resultado que avala o traballo que vimos desenvolvendo desde o goberno provincial co plan “Ourense, a provincia termal”, que desenvolvemos conxuntamente coa Xunta de Galicia, e tamén coas iniciativas de “turismo intelixente” que impulsamos para estar á vangarda neste ámbito”.

Isto, unido á relevancia da Presidencia da asociación termal europea –que ostenta Baltar-; á capitalidade de Ourense na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e a próxima chegada da alta velocidade, “que converterá a Ourense nun aeroporto terrestre”, en palabras do presidente, definen o liderado da provincia no relativo á innovación turística.

Un ámbito ao que hai que unir tamén o labor pioneiro levado a cabo pola Deputación de Ourense na Presidencia de Manuel Baltar para impulsar a candidatura para declarar á Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco, “un pulo que marcará un antes e un despois na nosa provincia pola proxección internacional que suporá este máximo recoñecemento mundial”, afirma.

Tamén se referiu Baltar no seu discurso á dinamización “económica e social” que significa o termalismo na provincia de Ourense, “con preto de 15 concellos con balnearios ou diferentes infraestruturas termais, que estamos a potenciar con éxito deste últimos anos coa colaboración de Renfe para pór a disposición dos visitantes as máximas facilidades para que se acheguen á nosa provincia e tamén para que poidan cumplimentar a súa inscrición de tratamentos e estancias balnearias cun só “clic” e en poucos minutos a través de Internet”, expresou.

“Somos unha provincia de ocio, natureza, termalismo, cultura e patrimonio histórico-artístico, e a proposta que traemos este ano a FITUR afonda nesa liña estratéxica”, remarcou, explicando que se trata de aproveitar e potenciar os valores patrimoniais e naturais das comarcas que abranguen Terra de Celanova e Serra do Xurés, co seu legado romano, o patrimonio literario, as augas, a riqueza megalítica, as paisaxes, a historia e o deporte. Todo nunha mesma oferta turística, unha das máis completas que pode ofrecer a provincia de Ourense”, comentou o presidente.

Os concellos que constitúen este novo destino turístico, integrado dentro da demarcación definida pola Axencia de Turismo de Galicia no mapa dos xeodestinos de Galicia. Son: A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirado, Padrenda, Ramirás e Verea, por parte da Terra de Celanova, así como os de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños, por parte da Baixa Limia.

Turismo cultural e de natureza

O obxecto de incorporar as dúas denominacións Celanova e Xurés á marca turística baseouse fundamentalmente en dúas circunstancias. A primeira é que nestes momentos esta denominación está consolidada como destino turístico ligado ao turismo activo e de natureza, fundamentalmente. Pola súa parte o nome de Celanova mantén referencias evidentes co turismo cultural, polo que, con esa conxunción nominativa, a proposta turística é a de consolidar unha oferta centrada no turismo cultural, activo e de natureza, sen esquecer a fortaleza que este destino ten no turismo termal.

Por outra banda, o lema “Pedra viva!”, ven a resumir outra das singulares características que identifican a esta terra e constitúen un recurso turístico de seu, non é van é un dos elementos que se repiten ao longo de toda a xeografía do xeodestino, así como da historia, desde as propias rochas magmáticas tan singulares das serras do Pisco, do Xurés, do Quinxo e do Leboreiro, ata as referencias poéticas dos autores de Celanova, como é o caso das alusións de Curros Enríquez á pedra na lenda da “Virxe do Cristal” ou do “Longa noite de Pedra” de Celso Emilio Ferreiro, pasando por todo o patrimonio arqueolóxico e monumental que atesoura este xeodestino, no que a pedra é un elemento esencial da súa importancia histórica e da súa conservación no tempo.

Son exemplos disto os principais referentes arqueolóxicos, como a Vía Nova e os seus miliarios; o campamento Aquis Querquennis, o xacemento castrexo de Castromao ou a Ponte Freixo, e tamén Santa Comba de Bande, San Miguel de Celanova, o mosteiro de San Rosendo, o románico de Ramirás ou de San Pedro da Mezquita e todos os santuarios marianos que se reparten polo conxunto desta xeografía “arraiana”.