miércoles, 22 de enero de 2020

Na presentación de Xantar 2020 a única feira internacional de turismo gastronómico de España

Asisto esta tarde en FITUR Madrid á presentación de  Xantar 2020 a única feira internacional de turismo gastronómico de España e unha das catro internacionais de turismo do país.

Xantar celebrará a súa 21ª edición en Ourense entre o 5 e o 9 de febreiro e presentará un completo programa de actividades e unha ampla oferta en restauración que proxectará unha imaxe de calidade e sustentabilidade do turismo  enogastronómico da Península Ibérica.


A presentación de  Xantar 2020 en FITUR contou coa participación da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; do vicepresidente executivo de Expourense e tenente alcalde de Ourense, Jorge Pumar; o presidente da Entidade de Turismo Porto e Norte, Luís Pedro Martins; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González; a embaixadora de Costa Rica en España, Helena  Cohacón; a representante de  FEMULP de Perú,  Giovanna  Cheglio; e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz. Todos eles coincidiron en destacar o papel da gastronomía como motivación turística e como a mellor ferramenta para promocionar a calidade e sustentabilidade dun destino.

A tradicional e estreita cooperación transfronteiriza con Portugal convivirá tamén coa cooperación iberoamericana, xa que está confirmada a presenza nesta edición de delegacións de profesionais da gastronomía e o turismo de países como México, Costa Rica, Colombia ou Perú. No que respecta a as actividades,  Xantar reunirá a recoñecidos chefs de 5 países que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no  XV Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sustentable que ofrecerá ao público máis de 150 experiencias. 

Outra das grandes novidades desta edición será a promoción internacional da Ribeira Sacra e o apoio á Candidatura desta a ser incluída como Patrimonio Mundial da UNESCO en 2021. A Ribeira Sacra contará cunha caseta promocional do Consorcio de Turismo e de varios concellos incluídos nesta zona, cun restaurante liderado polo concello de Parada de Sil e coa presenza do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O protagonismo da Ribeira Sacra nesta edición vén amparado ademais co apoio tanto da Deputación Provincial de Ourense como da de Lugo ou a propia Xunta de Galicia.

Esta cita ten carácter internacional pero sen esquecer as raíces e un dos seus obxectivos fundamentais continúa sendo promocionar o turismo de proximidade.  Xantar, convertido xa nunha motivación turística en si mesma, puxo en marcha distintos paquetes para convidar o viaxeiro a gozar dunha experiencia  enogastronómica en Ourense, xa que a presenza no salón permitiralle descubrir os atractivos turísticos dos países representados e participar no completo programa de actividades dirixidas a promocionar a calidade da súa gastronomía, vista desde unha perspectiva sustentable e saudable.

Con ese mesmo obxectivo de promocionar un destino a través da súa gastronomía e os bos resultados obtidos na edición anterior, organízase o “IV  Workshop de Turismo Gastronómico” no que participarán unha decena de operadores de turismo de España e Noruega que asistirán a presentacións e a reunións  B2 B con representantes dos distintos destinos gastronómicos presentes no salón.

Novidades en restauración

Na 21ª edición de  Xantar participan 15 restaurantes procedentes de Galicia, Castela e León) e do Norte de Portugal. En total, ofreceranse máis de 20menús baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade, xa que a maioría inclúen alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. 

Entre as novidades destaca o menú ofrecido por  Illa de Ons e defendido por un dos restaurantes da illa, terá ao polbo como produto estrela dun menú que inclúe ademais outros peixes e mariscos que recollen a tradición da cociña de pescadores das Ons, os seus sabores e elaboracións. A outra gran novidade é a participación de  Guimarães, en Portugal, que participa cun restaurante local que conta co apoio desta cámara municipal portuguesa. No seu menú non faltará nin o “ bacallhau”, nin o viño verde nin a repostería tradicional. 

A gastronomía de Galicia, a segunda motivación pola que o turista a elixe como lugar de visita estará representada en  Xantar 2020 por 11 restaurantes que presentan todas as opcións para gozar do mellor da comida galega e en cuxos menús están representadas numerosas das 300 festas gastronómicas que se celebran nesta comunidade, ademais de incluír produtos amparados por distintas Denominacións de Orixe. Indicacións Xeográficas Protexidas ou outros selos de calidade específicos como “Peixarías”.

Portugal

Na presenza internacional destaca un ano máis a masiva presenza de Portugal que estivo presente en  Xantar desde a súa primeira edición e foi aumentando progresivamente a súa participación tanto en número de restaurantes como de expositores ou visitantes. A Entidade de Turismo Porto e Norte é o principal socio estratéxico de  Xantar no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan múltiples  showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade. Hai que destacar un ano máis a masiva presenza de expositores procedentes de Porto e Norte pero incluíndo tamén a outros destinos do centro e sur como  Setúbal ou  Monchique.

Destacable é tamén a oferta da restauración da próxima edición (restaurantes de Braga, Vila Real e  Guimaraes). Trátase dunha participación que ten un compoñente emocional pola unión que sempre existiu entre Galicia e Portugal, pero tamén estratéxica, xa que é o principal mercado emisor de turistas estranxeiros a Galicia. E ao mesmo tempo a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal conforman un destino único cunha oferta  enogastronómica de calidade para posicionarse internacionalmente.

Actividades

O programa de actividades de  Xantar 2020 incluirá tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións incluídas no denominado “Encontro Internacional sobre Gastronomía Sustentable e Saudable” que afronta xa a súa 15ª edición. 

Entre as novidades desta edición destacan aquelas que teñen como obxectivo a dinamización da contorna rural e a posta en valor do territorio do que xorden os produtos agroalimentarios. O viño será un dos protagonistas coa celebración dun Curso certificado de Iniciación á Cata impartido polo Instituto  Galego  do Viño e a organización de “ Wine- talks” con adegueiros galegos. Outra das novidades será a celebración no salón das semifinais do Norte do prestixioso concurso “Cociñeiro do Ano” e “Camareiro do Ano”.

Para dar cabida a este amplo programa de actividades,  Xantar contará con tres aulas gastronómicas nas que participarán recoñecidos chefs procedentes de 5 países (España, Portugal, México, Costa Rica e Chile); unha de Cata e o Túnel do Viño e Augardentes e Licores. Este último conta co apoio dos cinco consellos reguladores de viño e do Licores e Augardentes de Galicia (ademais da Consellería do Medio Rural) e presentará máis de100 referencias.

Promoción do turismo de proximidade

Xantar volveu a poñer en marcha os paquetes «Sente Galicia» que permiten regalar unha experiencia  enogastronómica na provincia. A reserva deste paquete farase desde a propia central de reservas www.sientegalicia.com.  Xantar creou tamén unha experiencia gastronómica orientada aos visitantes que poden achegarse a Ourense na liña de Alta Velocidade,  AVANT.

As novidades do salón poden seguirse a través da súa nova web www.xantar.org ou das súas redes sociais www.facebook.com/xantar; en twitter con @ XANTAREXPO ou de Instagram a través de @ xantaroficial.