lunes, 20 de enero de 2020

Feijóo avanza a ampliación do horario de hemodinámica no hospital público de Ourense ás 24 horas do día e os 365 días do ano


Esta mañá o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a ampliación do horario de hemodinámica no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ás 24 horas do día e os 365 días do ano. Un servizo que estará, dixo, plenamente operativo a partir da primeira semana de febreiro.
Durante unha reunión cos responsables de Cardioloxía, Feijóo aseverou que con esta medida ademais de reforzarse os servizos que presta o CHUO, achegando aínda máis os servizos asistenciais aos pacientes da área de Ourense, optimízanse recursos, consolidando un modelo de asistencia en rede que ten permitido: mellorar a calidade asistencial; manter a seguridade dos procedementos; facilitar os servizos aos pacientes, evitando desprazamentos; contribuír a mellorar a formación e a docencia e a investigación.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico destacou e agradeceu a implicación de todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde, cuxo traballo fai posible, por exemplo, que o pasado ano fose o mellor ano de asistencia sanitaria dende que hai rexistros, tanto nas listas de espera cirúrxicas como na de consultas externas e de probas diagnósticas. Así, a espera media cirúrxica baixou de 61,6 días a 54,5; e, en Ourense a espera é de 48,2 días, seis por debaixo da media do Sergas.
Máis de 64 millóns para a renovación completa do CHUO
Feijóo recordou que nos últimos anos tense levado a cabo neste hospital un importante investimento de máis de 41 millóns de euros para a súa modernización. Un investimento que permitiu concentrar todas as unidades nun único edificio, incrementar a comodidade dos pacientes e dedicar Santa María Nai á atención ambulatoria sen ingreso en exclusiva.
“E o pasado ano púxose a funcionar tamén a nova área de Resonancia magnética, a nova área de Hospitalización de Psiquiatría de Agudos e o novo aparcadoiro para o persoal”, precisou, engadindo o compromiso de investir outros 64,4 millóns de euros para unha renovación completa do CHUO. Deste xeito, na primeira fase, cuxa redacción do proxecto xa está licitada e adxudicada, incluirase un novo edificio de hospitalización e a reforma do Materno-Infantil.
O presidente da Xunta concluíu aseverando que o Goberno galego seguirá comprometido coa mellora das dotacións hospitalarias e cos servizos e a atención que se presta aos pacientes.