miércoles, 15 de enero de 2020

Na presentación da Peza do Mes de xaneiro de 2020: “A REVISTA NÓS E O MUSEO”



Asisto esta tarde á presentación na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco, da Peza do Mes de xaneiro de 2020, unha actividade que ten por obxectivo profundizar no coñecemento histórico, artístico e material dunha peza pertencente ás coleccións do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Nesta ocasión foi “A REVISTA NÓS E O MUSEO” e a explicación correu a cargo de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.

Neste Museo consérvase unha colección completa da revista Nós proveniente, pensan, dos fondos da Comisión de Monumentos.

Sen o traballo no tránsito entre o século XIX e XX da Comisión de Monumentos nos locais que ocupaba no Centro Provincial de Enseñanza, actual IES Otero Pedrayo, sería imposible que nacese o interese investigador e creador nos homes que forman a cerna de Nós, o denominado cenáculo ourensán, e a liña marcadamente cultural, conservadora, virada á arqueoloxía, antropoloxía, literatura e historia, do galeguismo auriense. Dalgún xeito, o discurso Nós é a lectura e compromiso en clave galeguista do pulo cultural dos homes do primeiro Instituto de educación provincial e da Comisión de Monumentos.
A revista, soñada na primavera de 1920 nas terrazas do Café Méndez Núñez de Pontevedra por Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Losada Diéguez –segundo relata o propio Risco, por primeira vez, na revista Céltiga de Buenos Aires, en 1926–, concretouse en Ourense porque era lugar de singular pulo galeguista.