lunes, 13 de enero de 2020

Contemplado a impresionante presa e o encoro de As Portas en Vilariño de Conso


Onte cando regresaba da viaxe a Vilariño de Conso, onde fun para ver a Mascarada Ibérica, tiven oportunidade de contemplar o enorme encoro de As Portas.

Impresiona ver como o río Camba enche este enorme lago artificial de case 12 quilómetros cadrados, cunha capacidade de 535,7 hectómetros cúbicos de auga embalsada.

Este río nace na Serra de San Mamede en Laza a 1.480 metros de altura, pasa logo por Castrelo do Val e Vilariño de Conso e desemboca no río Bibei á altura de Viana do Bolo.

A construción da presa das Portas foi unha obra colosal que chegou a ocupar a preto de 4.000 persoas. Comezou en 1966 e finalizou en 1974, que foi o ano da súa finalización e posta en servizo.

A presa é propiedade de Iberdrola Xeración, S.A., é de bóveda de dobre curvatura, de 141 m sobre cimentos (dos 62 encoros de Galicia é o que ten a presa máis alta) e 477 m de lonxitude, o volume total de formigón no corpo de presa é de 604.000 m3, dos que 425.000 m3 corresponden á bóveda e o resto ao zócalo, estribos e desaugadoiros de fondo. 

Dispón dun aliviadoiro lateral na marxe esquerda cunha capacidade de vertedura de 204 m3/ s, controlado con comportas, e sobre o bloque central dispón dunha entulleira en beizo fixo cunha capacidade de 60 m3/s.

O uso principal do encoro é a produción de enerxía eléctrica.

Recomendo a todos coñecer este encoro; unha das vías de acceso é desde a autovía A-52 na Gudiña, onde se toma unha estrada que leva a Vilariño de Conso, ao longo dun sinuoso percorrido duns 24 quilómetros pero cunha fermosa paisaxe de montaña. Hai ademais variados miradoiros desde os que observar o lago artificial e mesmo a presa.