Onte a Xunta de Galicia demandou que o Ministerio de Transportes informe sobre as súas
previsións para a chegada do AVE á cidade de Ourense e para a execución das
obras comprometidas na estación intermodal.
A
Xunta considera necesario ter en conta que unha modificación radical do
proxecto da estación intermodal impediría a finalización das obras da alta
velocidade ferroviaria. O Ministerio de Transportes executou recentemente unhas
obras de reformulación da praia de vías que supuxeron un investimento de 17
millóns de euros e que tiveron por finalidade adaptar as instalacións á chegada
do AVE.
Alterar
agora ese espazo suporía asumir un retraso adicional na chegada do AVE a
Galicia, ao afectar, ademais de á preparación da estación, á boa parte do
treito de obras da liña ferroviaria entre Pedralba da Pradería e Ourense.
Cumprimento dos acordos
A Xunta, o entón
Ministerio de Fomento, Adif e o Concello de Ourense asinaron no ano 2016 un acordo
de colaboración para impulsar conxuntamente a estación intermodal da cidade.
Conforme
a ese acordo, a Administración autonómica está a executar na actualidade unha
nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril, conforme o
proxecto que foi aprobado pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia tras
superar un proceso de información pública na que todos os interesados puideron
presentar alegacións que foron tidas en conta de forma maioritaria.
Tamén
está previsto nese acordo o aparcadoiro subterráneo do complexo intermodal que
actualmente está a executar Adif, e que a Xunta financia nunha porcentaxe
superior ao 65% do seu custo total. Ese aparcadoiro prestará servizo á estación
intermodal, pero está dimensionado para atender tamén as necesidades do barrio
ourensán da Ponte, no que se atopa a terminal, e cuxos edificios carecen
maioritariamente de garaxes.
O
acordo asinado prevé tamén, como responsabilidades do Goberno de España, unha importante remodelación da terminal
ferroviaria, así como a integración urbana dos barrios da Ponte e do Vinteún,
de forma que tanto a estación como a cidade estean preparadas para a chegada do AVE.
Por
este motivo, o Goberno galego considera imprescindible que o Ministerio de
Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aclare cales son as previsións que
manexa para a chegada do AVE á cidade de Ourense, tanto no tocante ás obras de
adaptación da vía convencional como no relativo á Variante Exterior. E,
ademais, que concrete o calendario e alcance das obras que prevé executar na
estación de ferrocarril.
A ese respecto, a
Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aposta por facilitar os
investimentos comprometidos polo Estado en Ourense, en lugar de promover o
abandono dos proxectos de progreso da cidade
Na mesma liña, a
Xunta trasladoulle onte ao responsable de Renfe en Galicia a súa exixencia de
garantías de calidade para uns servizos
ferroviarios dignos na Comunidade en xeral e na provincia de Ourense en
particular.