Onte no Consello da Xunta, foi aprobado o texto
definitivo da Lei de impulso demográfico que será remitido ao Parlamento pàra a
súa tramitación.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo,
na rolda de prensa posterior, aseverou que esta lei é produto dun proceso de
reflexión e diálogo, e suporá un marco para as iniciativas demográficas que o
Goberno galego, as demais Administracións públicas e os axentes privados
deberán seguir levando a cabo nesta década.
“Esta lei é máis necesaria que nunca”, dixo, en
relación a que a sociedade galega “sabe que o primeiro problema estrutural de
Galicia é o declive demográfico que levamos acumulando nos últimos corenta
anos”.
Logo de incidir en que o obxectivo fundamental é que
para todas as familias que queren ter fillos en Galicia, “iso non sexa un
problema económico nin laboral”, o titular da Xunta precisou que a nova norma
ordena e dá coherencia ás medidas de impulso demográfico que xa se están a
poñer en práctica e as que se introducirán nos vindeiros anos.
“O conxunto de decisións docentes, sanitarias ou
políticas sociais abranguen 800 millóns de euros ao ano”, dixo, facendo fincapé
en que o texto afrontará a cuestión demográfica cun enfoque transversal e
orientado ao longo prazo.
O presidente da Xunta aproveitou a rolda de prensa
para agradecer a implicación de todas as persoas que, desde os diferentes
ámbitos, contribuíron a enriquecer e achegar todos os prismas a esta lei: tanto
desde os seus primeiros pasos no Observatorio Galego de Dinamización
Demográfica, como durante o intenso proceso de exposición pública, ao que se
presentaron 336 alegacións das que se incorporaron á lei máis do 80%. E, nas
últimas semanas, a través do ditame do Consello Económico e Social, que achegou
as perspectivas das organizacións sindicais, empresariais, das universidades e
dos demais axentes alí representados.
Así mesmo, pediu aos grupos políticos que demostren o
mesmo diálogo e o mesmo consenso que amosou ao longo de todo o proceso a
sociedade civil galega.
Feijóo concluíu que Galicia será, polo tanto, a
primeira comunidade autónoma de España e unha das pioneiras en Europa que conta
con marco legal onde as Administracións públicas, as empresas e a sociedade
civil únense “para intentar diminuír o impacto do descenso demográfico”.
Unha lei consensuada
Pola súa banda, a conselleira de Política Social,
Fabiola García, explicou que nestes sete meses de tramitación, a lei
enriqueceuse incorporando as diferentes recomendacións das entidades sociais,
organizacións sindicais e empresarias, partidos políticos, universidades e de
persoas a título individual. Coas súas achegas, sumáronse propostas como: a
universalización da educación infantil de 0 a 3 anos, para a que o Goberno
galego dará o primeiro paso o vindeiro 1 de abril coa gratuidade para os
segundos fillos e sucesivos; así como a posibilidade de prórroga dun ano da
Tarxeta Benvida para as familias en situación de especial vulnerabilidade, algo
que xa é realidade este ano.
A conselleira tamén informou das alegacións que se
tiveron en conta tralo período de exposición pública. Así, contémplase a
creación dun Comité de ética dos servizos sociais de Galicia; a elaboración dunha
Estratexia de prevención e a abordaxe integral da soidade non desexada, na que
xa se está a traballar; ou a incorporación ao texto legal de programas de
recuperación de vivendas baleiras.
Fabiola García tamén se referiu ás consideracións do
Consello Económico e Social, coas que se modificaron 26 artigos dos 106 que a
conforman. Nesta fase incorporáronse as seguintes novidades: fixar un prazo
máximo dun ano desde a publicación da lei para elaborar a normativa necesaria
que desenvolva e aplique os artigos; incorporar a diversidade como principio
específico en materia de familia; estender a oferta de recursos de
conciliación, inicialmente prevista para o verán, a todos os períodos non
lectivos; incluír no funcionariado autonómico con dereito prioritario a
flexibilidade horaria a aqueles que están a cargo de familiares enfermos,
maiores ou con discapacidade.