Asisto hoxe en
Expourense á inauguración da XXI edición do Salón Internacional de Turismo
Gastronómico Xantar que se celebra na cidade de Ourense ata o vindeiro domingo,
día 9.
Nela participou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e
Turismo da Xunta de Galicia; Manuel Baltar, presidente da Deputación, Jorge
Pumar, presidente executivo de Expourense; Rita Marques a secretaria de Estado de Turismo de Portugal; Luis Pedro Martins, presidente de
Turismo Porto e Norte de Portugal; Flora Moure, concelleira de Turismo do
Concello de Ourense; e Emma González, directora adxunta de Expourense.
Reúne en máis de 12.000 metros cadrados a 298 expositores (cifra
lixeiramente superior á edición anterior) e hai 9 países representados (España,
Portugal, Costa Rica, Cabo Verde, México, Perú, Chile, Panamá e Arxentina).
Na presenza
internacional destaca a masiva presenza de Portugal que estivo
presente en Xantar desde a súa primeira
edición e foi aumentando progresivamente a súa participación tanto en número de
restaurantes como de expositores ou visitantes. A Entidade de Turismo Porto e
Norte é o principal socio estratéxico de
Xantar no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas
cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan
múltiples showcookings, catas comentadas
e degustacións para promocionar o turismo de proximidade.
Hai que destacar un
ano máis a masiva presenza de expositores procedentes do Norte, pero incluíndo
tamén a outros destinos do centro e sur como
Setúbal ou Monchique. En total, participan
de forma directa e independente no salón máis de 20 cámaras municipais
portuguesas que se suman ás que participan baixo o paraugas de Turismo Porto e
Norte.
No que respecta a
as actividades, Xantar reunirá a
recoñecidos chefs de 6 países que impartirán talleres de cociña en directo
enmarcados no XV Encontro Internacional
de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 150
experiencias. E hai 15 restaurantes -que ofrecen 22 menús con prezos de entre 15 e 35 euros-, así como
catas comentadas, maridaxes, degustacións, conferencias de expertos e presentacións de produtos innovadores, ademais de tres aulas gastronómicas.
O conselleiro de
Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou que trátase dun evento no que a
Xunta de Galicia está presente para promocionar e enxalzar os produtos
turísticos, agroalimentarios e pesqueiros e salientou que Xantar “é un gran
escaparate internacional para amosar que Galicia é unha gran potencia dentro do
ámbito da enogastronomía” e para poñer en valor a rica e variada materia prima
da nosa terra. Nesta liña, o titular de Turismo precisou que a riqueza dos
nosos produtos fai posible que a gastronomía sexa a segunda razón pola que os
viaxeiros deciden visitarnos.
Galicia participa na edición deste ano a través das
consellerías de Cultura e Turismo, Medio Rural e do Mar. No caso da primeira,
hai un expositor propio de 24m² para promover a imaxe de Galicia e así reforzar
a promoción e consolidación dos produtos turísticos na nosa Comunidade, entre
os que salienta o turismo gastronómico.
A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, conta
cun posto onde están presentes 14 entidades agroalimentarias e no que se
desenvolve un amplo programa de actividades e eventos nos que se poden coñecer
e degustar produtos galegos con selos de calidade como o mel, carnes,
augardentes, produtos ecolóxicos, pan, patacas, grelos, queixos e castañas.
Tamén se promociona a marca de garantía Galega 100%, que distingue ao leite de
calidade diferenciada producido en Galicia, cun espazo expositivo propio.
Pola súa parte, a Consellería do Mar está presente
neste certame cun posto de 48 metros cadrados para enxalzar a variedade e
calidade dos produtos que ofrece o mar de Galicia. Con ese obxectivo tamén se
celebran numerosas degustacións de receitas elaboradas por relevantes
cociñeiros da gastronomía galega coas que dar a coñecer as especiais
características dos peixes e mariscos galegos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou, na
inauguración que Ourense é “a gran despensa de Galicia” e definiu a Xantar como
“excelente escaparate da nosa gastronomía” que converte a Ourense “na capital
do turismo gastronómico”.
Salientou a calidade de vida da provincia de
Ourense e a lonxevidade dos seus habitantes, “algo que ten moito que ver coa
alimentación e cos nosos excelentes produtos”, e destacando tamén que temos “o
maior potencial termal de Europa”. “Ourense é unha provincia con “denominación
de orixe”, cun goberno de seu, a Deputación, que apoia e pon en valor a riqueza
gastronómica do noso territorio”, citando como exemplo o colectivo “Cociña
Ourense”, que organiza o encontro bioceánico gastronómico Enbiga.
Ribeira Sacra
Unha das principais novidades deste ano é a promoción
internacional da Ribeira Sacra e o apoio a súa candidatura para formar parte da
lista de Patrimonio Mundial da Unesco. Neste sentido, instalouse en Xantar un
expositor específico do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no que participan
varios concellos do xeodestino. Tamén está representado neste stand o Consello
Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Cómpre lembrar que o Goberno galego vén de entregar no
Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da candidatura da Ribeira Sacra
para a súa revisión e envío á Unesco cumprindo así o compromiso con este
excepcional legado.