sábado, 15 de febrero de 2020

Feijóo: “Non me presento para liderar ningún bloque de partidos senón para ser presidente de todos os galegos, sen excepción”


Asísto esta mañá no auditorio Mar de Vigo ao acto de proclamación de Alberto Núñez Feijóo como candidato para as Eleccións Autonómicas no que asegurou que é un candidato libre e que tamén é e será un presidente libre para cumprir cos seus compromisos, para ser coherente e para unha Galicia lonxe de todo o que lle prexudica. “Libre para só deberme ás galegas e aos galegos, a nada e a ninguén máis”, insistiu.

O presidente do PPdeG incidiu en que cre no entendemento, na moderación, na responsabilidade, no servizo público e nunha Galicia unida, entre si e a España. Como manifestou, el non é unha novidade, unha sorpresa ou unha incógnita xa que “os galegos saben do que son capaz e do que non”.

PRESIDENTE DE TODOS, SEN EXCEPCIÓN

“Só hai un xeito de que Galicia saia gañando sempre e é unindo as posibilidades dos galegos”, remarcou salientando que a Comunidade é moito máis que a redución que fai a oposición a que Feijóo estea ou non, que a fragmentación en diferentes partidos ou que unha política partida á metade en dous bloques de formacións políticas: “Non me presento para liderar ningún bloque de partidos senón para ser presidente de todos os galegos, sen excepción”.

“Non quero unha Galicia gobernada polas imposicións de ninguén e non ofrecerei aos galegos o que critico dos meus adversarios”, afirmou indicando que a división, a intransixencia, o sectarismo e a inestabilidade non son boas pola esquerda nin pola dereita.

Por iso, Feijóo resaltou que el preséntase para dar estabilidade, para representar o entendemento da gran maioría e para gobernar para todos. “Son un servidor dos galegos”, recalcou expresando que non é nin será  refén de ningún partido, nin tan sequera do seu.

UN GOBERNO LIBRE E DE MAIORÍAS

Segundo declarou o presidente, el si pode garantir un Goberno de maiorías, libre e para todos, incluídos os seus adversarios, posto que o seu proxecto é o dunha gran maioría que non vai á contra. Deste xeito, aclarou que os populares apostan por construír unha Comunidade máis aberta e integradora, máis española e máis europea; exercen políticas que si funcionan e saben que defender a unidade da nación é tamén defender a convivencia de todos os seus cidadáns.

De feito, aseverou que, aínda que discrepan co Executivo central -que non está sendo xusto cos galegos e non deixa de incumprir-, “nós tenderemos sempre a nosa man porque temos máis respecto polas institucións que os socios do propio Goberno; porque temos más respecto polo Goberno que o que ten este polas Comunidades e porque o Goberno de España é tamén o dos galegos e o que queremos é que exerza como tal”.  

AÍNDA MÁIS CALIDADE

Durante a súa intervención, Feijóo sostivo que os galegos sempre piden máis e que o PPdeG nunca se da por conforme co que fai, enfatizando que se sente orgulloso de ser o presidente dun pobo esixente. Así mesmo, mantivo que a xente confía nos populares porque “de nós se pode esperar todo e do multipartito non se pode esperar nada”.

Do mesmo modo, sinalou que se presenta por todo o que os populares teñen que seguir facendo e que o acadado non é máis que a mostra de que cumpriron a súa palabra e de que poden lograr aínda máis. Por este motivo, apuntou que queren unha Galicia aínda máis familiar, que apoie máis aos mozos, máis innovadora e máis verde.

“Estou aquí para que Galicia poida saír gañando”, dixo, destacando a estabilidade e o cumprimento do deber que demostraron ter os populares estes anos. Nese sentido, lembrou que os galegos gañan con menos impostos, con máis apoio aos pais, cunha educación pública cos mellores resultados da nosa historia e de España, coa universidade máis accesible do país e as maiores posibilidades en formación profesional, con máis e mellores políticas sociais para os maiores, con máis exportacións e cunha sanidade con máis infraestruturas, máis prestacións e tratamentos.

Igualmente, subliñou que é necesario continuar potenciando a labor dos traballadores do mar, poñendo en valor o rural e mantendo un territorio mellor comunicado, máis ordenado e máis respectuoso co medio ambiente. Por todo isto e, malia que recoñeceu que aínda queda por mellorar, puntualizou que “nada temos que envexar nin de ningures nin de ninguén”.

Por último, precisou que xamais se puido construír nada sólido, duradeiro ou que mereza a pena sobre o sectarismo e o enfrontamento, engadindo que quere unha Galicia que siga avanzando unida e pedindo un apoio extraordinario que preserve a normalidade que si hai na nosa Comunidade.