Onte en
Ourense o presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou, na presentación do
balance 2019 do Observatorio Económico Ourensán (OEOu), que a economía da
provincia “medra, crea riqueza e emprego e segue gañando competitividade por
medio das súas empresas”. O presidente afirmou que os datos do Observatorio reflicten
unha evolución “claramente positiva” da ocupación, así como as afiliacións á
Seguridade Social, “cunha creación de emprego xeneralizada en toda a provincia,
cun saldo interanual positivo en 8 das 12 comarcas ourensás.
Manuel
Baltar dixo sentirse satisfeito polos retos alcanzados nestes anos de goberno,
onde a boa xestión económica foi determinante –como exemplo, os remanentes de
tesourería máis altos da historia-, algo que considera “básico” para poder planificar
e proxectar iniciativas, entre as que citou: o Plan termal provincial; a posta
en marcha do edificio “Provincia intelixente” con ABANCA; as alianzas
estratéxicas con outras administracións públicas (accesos ao CHUO ou canóns de
innivación en Manzaneda) e co empresariado ourensán e galego, unido ao feito de
que Ourense acolla o Centro Galego de Innovación na FP; o futuro Parque
acuático de Monterrei, e os máis de 150 millóns de euros en investimentos nos
concellos da provincia.
Unha
xestión económica que se une ao ámbito turístico, cultural e creativo coa
candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco; situar a
Ourense, coa ICC Week, como capital nacional das industrias culturais e
creativas; manter e potenciar o OUFF, que este ano cumpre a súa 25 edición, ou programas
europeos como o Raia Termal, o Emprendou ou o de “Ourense Destino Turístico
Intelixente”, así como a cooperación coa Universidade de Vigo, “potenciando o
talento no Campus de Ourense e erguendo un proxecto internacional de gran
percorrido no ámbito do reto demográfico: o Observatorio Internacional do Medio
Rural”, expresou Baltar.
No acto de
presentación do informe –celebrado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”- o
presidente estivo acompañado polo profesor Andrés Mazaira, coordinador do
Observatorio, quen detallou os aspectos do balance 2019. Un Observatorio do que
Baltar destacou que actualiza os datos que afectan ao tecido socioeconómico
provincial “achegando datos e indicadores que nos serven para ter monitorizadas
as constantes vitais da provincia, para facer unha diagnose e abordar medidas,
tratamentos e políticas reais”.
Crecemento e emprego
Unha das
conclusións máis salientables do informe 2019
é que o Produto Interior Bruto (PIB) da provincia medra un 1,94 %,
chegando aos 6.441 millóns de euros, coa industria manufactureira e o sector
servizos liderando o crecemento. A isto únese que a competitividade
empresarial demostra a fortaleza das exportacións, cun saldo positivo ata o mes
de novembro de 268 millóns. As empresas venderon fora entre xaneiro e novembro
por valor de 816 millóns.
En canto a
emprego, o presidente explicou que os datos do Servicio Público de Emprego
Estatal determinan que ao rematar o ano 2019 había 18.359 desempregados, 740
menos que a finais do 2018, e colocan o número de desempregados en cifras
inéditas dende a crise. Asemade, a recente Enquisa de Poboación Activa (EPA)
incide tamén no comportamento positivo do emprego, mentres que a evolución da
afiliación a Seguridade Social tamén pechou o ano en positivo, contabilizando
103.265 cotizantes na provincia.
“Un dos
obxectivos que se marcou esta Presidencia para este ano 2020 é que a taxa de
paro siga baixando, mesmo chegue ao 12 %. Nese camiño andamos porque no ano
2018 a taxa era do 13,8 % e ao remate do 2019 estaba no 12,9 %, polo tanto case
un punto menos no último exercicio. Pero tamén debemos contextualizar
cronolóxicamente estes indicadores porque no ano 2015, data na que xa se
percibían indicios de recuperación, a taxa de paro na provincia era do 20,4 %,
polo tanto dende aquela a diminución foi de sete puntos e medio”, comentou
Baltar.
O
presidente da Deputación apuntou como “camiños a percorrer en 2020”: seguir a
traballar na mellora das taxas de ocupación feminina; a posta en marcha dun
plan para potenciar e favorecer o crecemento empresarial (co obxecto de reducir
a fenda existente entre a taxa de crecemento empresarial ourensá fronte á
galega); impulsar a actividade en aqueles sectores xa consolidados nos que as
empresas ourensás posúen altos niveis de competitividade (agroindustria,
viticultura, extracción da lousa, téxtil, comercio, automoción, termalismo e turismo);
favorecer a conexión destes cos sectores emerxentes, mediante a implantación de
procesos intensivos en coñecemento relacionados con tecnoloxías avanzadas
(procesos de automatización, captación e utilización de grandes masas de datos
nos procesos de toma de decisións, machine learning e intelixencia artificial),
e rematou co encargo para o equipo do Observatorio de “pescudar análises e
achegar aportacións que verticalicen políticas de feitos para o rural”.
Informe
Andrés
Mazaira detallou que no que atinxe ao PIB provincial confírmase a recuperación
xeral que experimenta a provincia dende o ano 2014, data na que se percibiron
xa cifras de recuperación económica. O PIB provincial chegou ata 6.441 millóns
de euros no ano 2017, último dato dispoñible, cun crecemento do 1,94 % en tasa
interanual. Pese a esa circunstancia, detéctase que a velocidade de crecemento
experimenta unha desaceleración en termos comparables cos exercicios de 2016 e
2015, con aumentos do 4,27 % e 2,80 %, respectivamente. Pero mellora o PIB
anterior á crise, xa que se cuantificaron 6.262 millóns no ano 2008.
Por
sectores de actividade foi a industria manufactureira a que capitaliza un
incremento maior, cun 8,4 %, aportando 665,8 millóns de euros ao PIB
provincial. Pola súa banda o epígrafe de comercio, reparación de vehículos,
transporte, hostalería e información e comunicacións medra un 5,5 %, mentres
que as actividades xeradas polas administracións seguen tamén en taxas
positivas, cun 2,4 %. Pola contra, a construción baixa un 0,5 %, nunha pendente
que se segue a percibir dende a crise. Tamén algúns apartados da industria
sofren lixeiros reveses, como a baixada do 1 % nas industrias extractivas,
mentres que PIB da agricultura e a gandería
descende un 1,1 %.
Demografía
Desde o
punto de vista demográfico, o Observatorio detecta unha desaceleración do
desequilibrio demográfico, sustentado nas seguintes variables: hai unha menor
perda de peso relativo da poboación ourensá sobre a total galega desde o 2010
(-0,05 %), un menor crecemento da
poboación ourensá no exterior e, por primeira vez desde o ano 2010, hai unha
comarca (Terras de Celanova) que gaña poboación intranual.
O OEOu
tamén reflicte que o ano pasado a provincia rematou con máis de 102.000
afiliados á Seguridade Social, demostrando así que a xeración de emprego neto
segue a producirse un ano máis, nesta ocasión cun crecemento do 0,94 % e
incorporando un milleiro de traballadores ao sistema público. A plataforma
estatística da Deputación tamén fai unha análise comarcal e municipal na
evolución das cotizacións e salienta que en sete das doce comarcas ourensás medrou
o número de afiliacións. Trátase de Allariz-Maceda, Baixa Limia, Carballiño,
Ourense, O Ribeiro, Terra de Celanova e Verín. Pola contra, perderon afiliados
no último exercicio as comarcas de A Limia, Terra de Trives, Valdeorras e
Viana. Terra de Caldelas ten o mesmo número de afiliados. Así mesmo, en 46 dos
92 concellos da provincia (50 %) tamén se incorporaron novos cotizantes.
Menos paro
O
desemprego mantivo a súa tendencia á baixa no ano 2019, pechando o exercicio
con 18.359 parados fronte aos 19.099 do ano anterior. Entre os datos a
salientar, diminúe o número de parados de longa duración (levan máis dun ano
sen traballo), que ao rematar o 2019 eran 8.919 fronte aos 9.359 do ano
precedente, ou 10.467 do ano 2017.
Tamén os
datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) avaliados polo Observatorio Económico
Ourensán reflexan un descenso de 1.300 parados na provincia en 2019, cunha taxa
de paro que se sitúa agora no 12,9 % (a menos dun punto do obxectivo marcado
dende a Deputación Provincial), recortando nove décimas respecto do remate do
2018 e sete puntos menos que hai cinco anos. A provincia ten agora 111.900
persoas ocupadas, o que representa un descenso de 300 persoas no último ano,
pero a cifra é moi superior á poboación ocupada do primeiro ano despois da
crise, o 2015, onde se contabilizaban 106.200. A taxa de actividade segue en
retroceso perdendo catro décimas nun ano, para quedar no 47,6 % ao rematar o
2019. A poboación activa pasou no último exercicio de 130.100 persoas a
128.500.
A 31 de
decembro de 2019 a provincia tiña máis de 102.500 traballadores, con un
incremento do 1,3 %, e mais do 60 % dos municipios ourensás ven como as súas
empresas gañan traballadores. Por último, as empresas ourensás seguen a
demostrar a súa competitividade, medida en capacidade de conquistar mercados
exteriores. Neste sentido, o Observatorio recolle os datos da balanza comercial
ourensana con vendas que superaron os 800 millóns de euros entre xaneiro e
novembro de 2019.
Para máis
información: oeou.depourense.es