O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, tras a reunión extraordinaria do Consello da Xunta, da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego. Unha declaración, precisou, que poderá implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos e as modificacións orzamentarias necesarias para afrontar a emerxencia.
Así mesmo, subliñou que con esta declaración actívase, tamén, o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia, de tal forma que, será o propio presidente da Xunta quen asuma a coordinación de todas asactividades de emerxencia.
Cómpre salientar que, con este plan actívanse todos os mecanismos e operativos recollidos nel: constituirase un centro de coordinación operativo (Cecop); porase en marcha un enlace co posto de mando avanzado; mobilizarase de forma inmediata aos grupos operativos; e levarase a cabo a comunicación á poboación das instrucións pertinentes.
Logo de precisar que no centro de coordinación, ademais do director do plan, estarán: o vicepresidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade, a Delegación do Goberno en Galicia, os responsables das distintas consellerías, os principais responsables dos servizos de emerxencia, representantes da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Adscrita, entre outros, Feijóo recordou que, no marco do mesmo, poderanse ditar ordes e instrucións que afecten aos dereitos da cidadanía nos termos establecidos pola lei.
Ao respecto, entre as medidas de protección dirixidas á poboación, establécense: avisos á poboación afectada, confinamento en lugares seguros, evacuación e asistencia social, seguridade cidadá e control de accesos.
Toma das primeiras medidas
Se ben, en canto o Cecop se reúna empezará a tomar as decisiónsque correspondan, o titular da Xunta avanzou que hoxe, no Consello, xa se tomaron as primeiras medidas: peche ao público de bares, restaurantes e cafeterías, podendo prestar servizos de envío a domicilio ou para a súa recollida no local. Cines e teatros. Establecementos de xogo. Salas de concerto e auditorios. Recintos feirais. Establecementos de ocio e entretemento –salas de festa, discotecas, pubs, furanchos e cafés espectáculos-. Centros de ocio infantil. Pavillóns e recintos deportivos, ximnasios e piscinas. E albergues do Camiño de Santiago.
Así mesmo, precisou que o peche non afecta aos servizos de restauración dos establecementos hoteleiros, sempre que se destinen estritamente aos clientes dos mesmos, e dos establecementos en instalacións destinadas á prestación de servizos públicos. Tampouco afecta o peche aos comercios minoristas de alimentación e produtos de primeira necesidade. En concreto, poderán abrir, por exemplo,froiterías, carnicerías, peixarías, panaderías, farmacias, gasolineiras, quioscos e tendas de alimentación.
No caso das grandes superficies, só poderán permanecer abertos ao público os establecementos de alimentación e de primeira necesidade.
Por outra banda, no tocante aos funerais establécese un aforo máximo dun terzo para os tanatorios e un máximo de 25 persoas para o acompañamento do cortexo fúnebre.
“O obxectivo é que coa maior celeridade posible poidamos garantir que, con carácter xeral, os cidadáns permanezan nos seus fogares”, dixo, coas excepcionalidades lóxicas no que se refire ás emerxencias que poidan xurdir e, tamén, para garantir que queden cubertas as necesidades básicas de todos os cidadáns, tanto de alimentación como de produtos sanitarios.
En base a isto, Feijóo informou tamén que o vicepresidente da Xunta xa se puxo en contacto co delegado do Goberno para solicitarlle que durante esta noite –e ata que se active o estado de alarma no conxunto do país- poña as forzas e corpos de seguridade do Estado necesarias ao servizo das medidas adoptadas, para velar por que non se produzan concentracións de xente na medida que sexa posible.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que o Plan de Emerxencia será revisado tras o Consello de Ministros de mañá e sometido ás actualizacións que sexan necesarias, tras a activación do estado de alarma no conxunto do país. “Desde ese momento, Galicia estará á orde do que nos vaian indicando as autoridades estatais”, abundou.
Absoluta lealdade e máxima coordinación
Feijóo incidiu en que a postura da Comunidade é e será de absoluta lealdade e de máxima coordinación. “Temos que adoptar respostas conxuntas e de máximos en toda a Nación española”, aseverou, incidindo en que é fundamental unha única coordinación para que as respostas que se dean sexan miméticas e uniformes en todos os lugares.
“Facémolo polo ben de todos. Para intentar conseguir que o virus avance con menor progresión”, explicou, precisando que, nestas últimas horas, constatouse que moitos cidadán doutras comunidades autónomas se trasladaron a Galicia.
Sobre este punto, Feijóo dirixiuse expresamente aos máis novos que, como toda a poboación, son potenciais vectores de transmisión: “É o momento de demostrar a vosa gratitude cara os vosos maiores e que os vosos maiores se sintan orgullosos de vós. Non cabe a dúbida de que estaredes á altura”.
O responsable do Goberno galego tivo tamén palabras de agradecemento para os profesionais sanitarios, polo seu traballo de atención aos afectados, e polo seu esforzo para estudiar as posibilidades que hai para conter o virus e as posibles medidas que se poden adoptar para intentar sortear os obstáculos.
Feijóo referiuse, así mesmo, á atención telefónica, que se está a reforzar. E recordou que a páxina web: coronavirus.sergas.gal, está ádisposición dos cidadáns para resolver calquera dúbida. “E é importante preservar o teléfono 900 400 116 soamente para as persoas que teñen síntomas que se axusten ao coronavirus; e que o 061 quede reservado en exclusiva para as urxencias médicas”, lembrou, confirmando que nos próximos días intentarase habilitar teléfonos para que cada usuario poida ser atendido telefonicamente no seu centro de saúde sobre recomendacións e pasos a seguir no caso de que teña síntomas clínicos do virus.
Un compromiso de todos. Unidade, solidariedade e responsabilidade
O presidente da Xunta apelou ao compromiso de todos e agradeceu a compresión de todos os cidadáns que están a ver a súa vida diaria alterada. “Debemos ser extremadamente coidadosos co cumprimento dos nosos deberes como cidadáns, todo o tempo que sexa necesario”, asegurou, facendo fincapé en que, quen teña síntomas esta obrigado a quedarse na casa; e quen nos os teña é recomendable que o faga tamén.
Neste sentido, recordou algunhas das recomendacións máis importantes: lavar as mans con auga e xabón coa maior frecuencia; cubrir a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar; tusir na parte interior do cóbado ou sobre un pano desbotable; evitar tocar a boca, o nariz e os ollos coas mans; desinfección do fogar con lixivia e produtos de limpeza; non bicar nin dar a man a outras persoas; manter unha distancia de seguridade de entre un metro e medio e dous; evitar viaxar con carácter xeral; nos baños públicos, lavar as mans con auga e xabón, secalas cunha toalla de papel desbotable e tocar os tiradores e pomos cun pano de papel; e saír á rúa o mínimo posible.
“Estamos sufrindo unha ameaza que nos afecta a todos. De todos depende que a superemos e a todos nos corresponde actuar con responsabilidade”, afirmou, apelando á unidade, á solidariedade e áresponsabilidade.
Ao respecto, asegurou que os cidadáns, o persoal sanitario e as institucións son os tres vértices desa resposta: as institucións, coordinando esforzos e adoptando decisións. O persoal sanitario e non sanitario dos centros sanitarios, prestando a atención oportuna. E os cidadáns, reaccionando con serenidade, firmeza e disciplina.
“Pasamos unha proba de convivencia e, como tal, todos sen excepción debemos actuar coa máxima prudencia e o máximo civismo”, sentenciou.
Para concluír, Feijóo sinalou que o presidente do Goberno púxose en contacto con el tras a declaración institucional realizada este mediodía. E mañá volverán manter contacto para coñecer con exactitude o contido do decreto da declaración de alarma que se aprobará no Consello de Ministros.