Como é coñecido e informei
neste Blog, as instalacións do Congreso estarán prácticamente pechadas como
medida de precaución para tentar reducir a velocidade na expansión do Covid-19. Pero nin o Congreso nin o noso
labor como deputados está pechado. É
obvio que as persoas que exercen a representación popular poden estar en
corentena, pero non así as institucións.
Formo parte do Grupo
Parlamentario Popular e seguimos traballando na nosa actividade de impulso e de
control da actividade gobernamental desde posicións leais e construtivas.
E por suposto a disposición dos cidadáns.
A prioridade absoluta é a
saúde das persoas, pero tamén nos ocupan e preocupan, cuestións cruciais como a
supervivencia de empresas pequenas e medianas, o apoio aos autónomos, os
traballadores e as familias, medidas para axudar aos sectores máis afectados,
etc.
Esta mañá á primeira hora contactei
telefónicamente co Subdelegado do Goberno en Ourense e mantiven unha
conversación coa Xefa Territorial da Xunta de Galicia.
En ambos os casos
transmitinlles a miña plena dispoñibilidade para colaborar en todo canto sexa
necesario en relación coa emerxencia sanitaria do coronavirus.
En todo momento permanezo
en contacto co Grupo Parlamentario Popular no Congreso, así como coa Mesa do
Congreso polas cuestión relacionadas coa Comisión de Asuntos Económicos e
Transformación Dixital que presido.
Insto a todos a
colaborar no cumprimento das medidas previstas pola autoridade responsable para
protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, conter a progresión da enfermidade
e reforzar o sistema de saúde pública.