domingo, 15 de marzo de 2020

Feijóo apela á lealdade entre administracións e entre os cidadáns para seguir actuando nesta crise desde a unidade e a coordinación


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou á lealdade entre administracións e entre os cidadáns para seguir actuando nesta crise desde a unidade e a coordinación. “Este estado de alarma require unha recíproca lealdade duns e doutros, entre todas as administracións públicas, porque son os cidadáns aos que servimos e son os que marcan a necesidade da coordinación, da responsabilidade e da unidade”, dixo.


Tras presidir a primeira reunión do Centro de Coordinación Operativo (Cecop), posto en marcha para facer fronte á emerxencia do coronavirus, Feijóo incidiu en que a reacción ha de ser colectiva e tenaz. E fixo un chamamento á tranquilidade nalgúns ámbitos.
O primeiro deles: no subministro que, asegurou, está garantido. Ao respecto, o titular da Xunta avanzou que desde a Administración autonómica remitirase unha instrución con todas as recomendacións aos supermercados, co obxectivo de que garantan a distancia de seguridade e que non se supere un terzo do aforo.
“E pedimos a todos os cidadáns, tranquilidade e responsabilidade. Os supermercados e as tendas de alimentación estarán abertos e surtidos”, abundou, subliñando que, con este obxectivo, determinouse a liberdade horaria para todos os establecementos aos que se permite abrir, para facilitar a atención aos cidadáns.
Feijóo tivo tamén unha mención especial para os servizos básicos ás persoas sen fogar, que deben blindarse neste contexto de emerxencia. Así, a Xunta asegurará a apertura de todos os albergues sociais, para que poidan pernoitar; as cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual, limitando a presenza simultánea de comensais a un terzo do seu aforo e reforzando o subministro de comida para o consumo fóra do centro. E, outros centros de inclusión social limitarán a súa actividade e ofrecerán unicamente servizos de ducha, lavandería e os coñecidos como calor e café.
En materia sanitaria, resaltou a aprobación dunha instrución dirixida aos xerentes das áreas sanitarias, para que procedan a reprogramar a atención sanitaria ordinaria, co alcance que sexa necesario para responder ás necesidades extraordinarias que vaian xurdindo.
Sobre a xestión do lixo, o presidente do Goberno galego aseverou que a Xunta garante a resposta da planta de tratamento en Sogama e os concellos están preparados para atender a recollida. “E tamén se suspenden as queimas, deixando sen efecto as autorizadas e que aínda non se realizasen”, engadiu.
“Concretamos tamén a forma en que os empresarios públicos da administración xeral da Xunta poidan permanecer nas súas casas con teletraballo e aquela de carácter excepcional para determinados servizos que requiran a súa presenza”, dixo. E, en materia educativa, destacou que soamente o equipo directivo necesitará permanecer nos centros docentes: xefe de estudos, secretario e director.
O titular do Goberno galego concluíu subliñando que todas estas medidas deberán adaptarse ás que se deriven do Real Decreto Lei anunciado polo presidente do Goberno.
Feijóo tivo tamén palabras de agarimo e afecto para os familiares e amigos da muller falecida na comunidade, a consecuencia das doenzas agravadas pola infección de coronavirus. E recordou que neste momento, a Comunidade contabiliza 153 persoas infectadas.