Hai unha semana
estaba en París nunha reunión parlamentaria da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE),
na que abordamos nun relatorio da economista
xefe da OCDE, Laurence Boone sobre os efectos económicos do
coronavirus.
Finalmente este luns a
OCDE deu a coñecer un informe titulado “Coronavirus:
a economía mundial ameazada”, no que se afirma que o coronavirus é a maior
ameaza para a economía mundial desde a crise financeira.
A OCDE pide aos
gobernos que adopten medidas inmediatas para limitar a propagación do
coronavirus, protexer ás persoas e as empresas e apoiar a demanda dentro da
economía.
Un brote “máis
intenso e duradeiro” podería facer que o crecemento da economía mundial caese
ao 1,5% este 2020, a metade do proxectado antes de que estalase o virus. Este
escenario, advirte a OCDE, “podería empuxar a numerosas economías á recesión,
incluídas as de Xapón e a zona euro”.
As restricións á
circulación de persoas, bens e servizos e as medidas de contención da epidemia,
como o peche de fábricas, reduciron considerablemente a actividade
manufactureira e a demanda interna en China. As repercusións no resto do mundo
son cada vez maiores, xa se relacionen coas viaxes de negocios e o turismo, as
cadeas de subministración, os produtos básicos ou a perda de confianza.
“Os gobernos teñen que actuar de inmediato
para conter a epidemia, apoiar o sistema de saúde, protexer á xente, apontoar a
demanda e proporcionar un salvavidas financeiro aos fogares e negocios máis afectados”.