O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo reiterou onte que “a elección
prioritaria e única que temos neste momento todos os galegos é derrotar a
pandemia”, e pide ao Goberno central que complemente as medidas no eido
económico, laboral e social que se aprobarán hoxe no Consello de Ministros.
Consciente de que a prioridade número un é a
sanitaria, Feijóo aseverou que a primeira petición ao Goberno é que dote ás
comunidades de equipamento, de produtos de protección e material de
intervención necesarios. “E solicitamos tamén a ampliación do fondo de
continxencia para o ámbito sanitario, xa que necesitamos un caudal de liña
presupostaria para ir axustando o gasto ao orzamento adicional que necesitamos
nos servizos sanitarios e sociais”, engadiu.
No tocante ás medidas financeiras, o presidente da Xunta
fixo fincapé na necesidade da apertura de liñas de liquidez extraordinaria
–unha liña de avais do ICO- e da flexibilización das regras fiscais; “ademais
de coñecer os recursos financeiros que imos ter este ano, os recursos
ordinarios”, dixo, destacando, tamén, a importancia de, unha vez superada a
crise, facer balance do impacto financeiro, nas contas das administracións
públicas.
Entre as medidas propostas en relación ao rural,
Feijóo resaltou a prórroga de todos aqueles contratos que venzan durante a vixencia
do estado de alarma –por exemplo, os contratos de recollida do prezo do leite-,
e evitar así unha situación de interinidade para o agricultor ou gandeiro.
“En materia de transporte público, cremos necesario
limitar a capacidade dos servizos de transporte público de viaxeiros por
estrada, ferroviarios, aéreos e marítimos, así como un fondo de continxencia
para evitar Ertes neste sector”, explicou, referíndose tamén aos subministros,
sobre os que se propón ao Goberno central que no decreto se engada os servizos
básicos de abastecemento e saneamento aos de subministro da enerxía eléctrica,
xa que todos son básicos para a poboación.
Por outra banda, e para evitar a destrución do tecido
produtivo durante a crise e permitir a súa recuperación cando volva á
normalidade, reclama facilitar a liquidez nos sectores afectados, con tres
grandes bloques de medidas: inxectar liquidez a todas as administracións
públicas “para que poidamos non só non recibir ingresos dos impostos propios,
senón aprazar taxas, prezos públicos e impostos”; unha liña do ICO e doutras
institucións para achegar liquidez tamén ás administracións públicas; e aprazar
sen custo o pago de cota de préstamos a empresas e autónomos.
En relación a este último punto, Feijóo destacou a
necesidade de que se exima do pago do 100% da cota aos afectados, e estender
esta tarifa plana de autónomos unha vez se decrete a fin do estado de alarma.
“E tamén propoñemos outras medidas de apoio e de exención de pagos e impostos a
traballadores por conta allea e empresas, con independencia do seu tamaño”,
precisou.
Feijóo valorou a coincidencia maioritaria por parte
dos grupos con representación parlamentaria na preocupación pola situación dos
traballadores que poidan quedar afectados por esta crise; polos máis vulnerables
–as persoas sen recursos, sen fogar-; e tamén polos profesionais da sanidade.
O presidente do Executivo galego aproveitou a rolda de
prensa para reiterar o recoñecemento e agradecemento aos profesionais da
sanidade; a todos os que están traballando para garantir os subministros; ás
forzas e corpos de seguridade do Estado; e á comprensión e implicación do pobo
galego. E garantiu o compromiso de que Galicia estará lealmente ao carón do
Goberno de España, coordinados e sen siglas políticas.
“A loita contra esta pandemia non é que sexa xa unha
prioridade: é a nosa única prioridade”, sentenciou, recordando que neste
momento, en Galicia, hai 239 casos activos e tres falecidos.