O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor o compromiso do Goberno galego con Ourense ao longo dos últimos anos: “Somos a Administración pública que máis investiu”. E apuntou que hoxe a cidade conta conmáis servizos públicos, máis prestacións e máisoportunidades.
Así se expresaba o líder do PPdeG, esta mañá, nun almorzo con preto de 450 persoas, no que aproveitou para facer un balance das actuacións realizadas.
MÁIS ESCOLAS INFANTÍS E MÁIS FORMACIÓN PROFESIONAL
Así, no eido da educación, o líder do PPdeG afondou en que hoxe Ourense conta co dobre de prazas en garderías públicas que hai unha década. Este incremento, dixo, supón que a ratio de prazas alcance xa o 41%, fronte ao 24 de 2009.
Do mesmo xeito, referiuse aos máis de 11 millóns de euros destinados á ampliación da Escola Oficial de Idiomas e do IES Universidade Laboral e á rehabilitación dos CEIP de Seixalbo e de Portovello. A isto, sumoulle a rehabilitación integral do IES O Couto e a reforma completa do CEIP Prácticas -dúas obras que xa está en marcha- e a rehabilitación integral dos CEIP Mestre Vide e de Virxe de Covadonga -dúas actuacións previstas para este ano-.
Asemade, o presidente do PPdeG incidiu na aposta do Goberno galego pola Formación Profesional. Así, ademais de citar a ampliación do CIFP A Carballeira, fixo especial fincapé no Centro Galego de Innovación na FP: “Temos o compromiso de converter a Ourense no referente da FP en Galicia”.
MELLORES PRESTACIÓNS PARA OS NOSOS MAIORES
Do mesmo xeito, recalcou o incremento dasprestacións para os nosos maiores. Así, sinalou que, desde 2009, en Ourense, aumentouse un 25% as prazas públicas. E referiuse á posta en marcha do Centro Interxeracional da Farixa e á nova residencia no barrio do Pino -que poñerá a disposición 120 novas prazas e xerará 110 empregos-.
Con respecto ao novo centro de atención á discapacidade, dixo que con esta infraestrutura se incrementará nun 35% as prazas públicas en Ourense.
COMPROMISO COA ÁREA SANITARIA DE OURENSE
No ámbito sanitario, remarcou a ampliación e a renovación do Hospital Público de Ourense e avanzou que o obxectivo é licitar o próximo ano o novo edificio de hospitalización.
Salientou, tamén, a implantación, e posterior ampliación do horario ás 24 horas do día os 365 días do ano, do servizo de Hemodinámica; a nova área de resonancia magnética, a nova unidade de hospitalización de psiquiatría de agudos e o novo aparcadoiro. E, no relativo á atención primaria, centrouse no novo centro de saúde do Couto, que contou cun investimento de máis de 3 millóns de euros.
A ESTACIÓN INTERMODAL, A PORTA DE ENTRADA DO AVE A GALICIA
Sobre a estación intermodal de Ourense, o líder do PPdeG remarcou que suporá “a porta de entrada do AVE a Galicia” e que o novo aparcadoiro contará con 300 prazas.
Para Feijóo, Ourense é hoxe exemplo do modelo pioneiro de autobús compartido e baixo demanda.Un plan, indicou, que beneficia xa a unhas 1.000 familias. E, coa renovación das liñas de autobús, o Goberno galego atende a conexión entre a cidade e o Polígono de San Cibrao das Viñas.
No eido das infraestruturas viarias, Feijóo puxo en valor o acondicionamento da rúa Otero Pedraio e as actuacións nas rúas Concordia, Progreso, Río Arnoia ou na avenida de Caldas; a mellora da seguridade viaria en Seixalbo e o acondicionamento da rúa Marcelo Macías -cuxas obras comezarán no verán-.
Tamén se referiu á conexión do Polígono de San Cibrao coa A-52, que xa está en execución e que agarda que estea a disposición este verán.
APOSTA POLA RECUPERACIÓN DE ESPAZOS PARA OS CIDADÁNS
No ámbito cultural, salientou o “patrimonio indiscutible” co que conta Ourense e puxo como exemplo a nova Biblioteca Pública ‘Xeración Nós’.
Por outra banda, tal e como indicou Feijóo, co novo edificio xudicial, acadouse unha infraestrutura capaz de albergar 24 xulgados e 15 salas de vistas. Outros proxectos aos que tamén enumerou foron: a remodelación do pavillón dos Remedios, a nova pista cuberta de atletismo de Expourense e as novas instalacións deportivas no Complexo de Monterrei.
No eido da vivenda, centrouse na rehabilitación no Casco Histórico e no barrio de Covadonga. Asemade, destacou a adecuación das contornas urbanas coa mellora da praza e alameda de Covadonga e, tamén, da Alameda da Ponte, e a posta en valor da Ponte Romana.
No referido ás infraestruturas hidráulicas, citou a nova depuradora, que contou cun investimento de case 50 millóns de euros.
O PRIMEIRO ECOBARRIO DE GALICIA
Destacou o primeiro Ecobarrio de Galicia e España como unha gran oportunidade, desde o punto de vista económico e ambiental. E apuntou aos 20 millóns de euros de investimento e aos máis de 300 postos de traballo que xerará.
Para rematar, puxo en valor a Ourense, como referente en sectores como o vitivinícola, o agroalimentario, a innovación e o turístico. Con respecto a este último, referiuse á reforma da Catedral, á adecuación da Vía da Prata, ao impulso do termalismo -coa “aposta estratéxica” do novo Campus da Auga- e ao novo albergue de peregrinos no Casco Vello.
A PROL DUNHA POLÍTICA QUE UNHA E XERE ESTABILIDADE
Fronte unha política afastada do partidismopermanente, da confrontación e da discriminación,o líder do PPdeG avogou por unha xere unidade e estabilidade coa que facer prosperar unha cidade.Así, indicou que o balance feito é o resultado dunha política útil aos cidadáns. Para Feijóo, “a maneira de falar é falar facendo; e a nós o que nos importa é facer”.