Seguimos comprando gafas de protección, batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas, guantes e solución hidroalcohólica”, dixo o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello, na que avanzou a autorización dun novo expediente por valor de 6,7 millóns de euros para pagar o xa comprado e habilitar crédito para seguir comprando máis subministros sanitarios.
Máis polo miúdo, precisou que con esta contratación o Executivo autonómico adquire máis de 7.230.000 de mascarillas cirúrxicas e máscaras respiratorias, máis de 600.000 batas de alta protección e preto de 22.000 botellas de solucións desinfectantes. Ademais de materias primas para a elaboración de material desinfectante e envases e tubos dispensadores para a elaboración destes produtos.
Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que con esta compra, Galicia tramita por terceira vez de forma urxente a adquisición de material ou equipamento destinado a pacientes, a profesionais de toda a rede sanitaria do Servizo Galego de Saúde e aos profesionais das residencias de maiores e de discapacitados internos. “E agardamos que comece a chegar este fin de semana”, aseverou, incidindo en que a subministración de material é e seguirá a ser unha das prioridades da Comunidade.
Posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento sanitario
Neste mesmo eido, e logo de que o pasado venres no Consello da Xunta, se fixese un chamamento ao sector produtivo galego co obxectivo de fabricar material en Galicia, Feijóo avanzou tamén a posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento sanitario e para a prevención de riscos laborais.
Este comité identificará os estándares de calidade e seguridade mínimos para que os produtos necesarios poidan utilizarse e autorizará a súa fabricación, sen prexuízo dos correspondentes expedientes de contratación. E estará integrado por un representante da Consellería de Economía; da Axencia Galega de Innovación (Gain); do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); de XesGalicia; da Dirección Xeral de Comercio e Consumo; do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), así como das consellerías de Sanidade e de Política Social.
Ao longo da rolda de prensa, Feijóo precisou que ademais de coordinar a demanda e a oferta do tecido empresarial galego, este comité activará unha liña de axudas ao investimento para facilitar que as empresas poidan acometer as transformacións necesarias para, deste xeito, abordar a fabricación inmediata de material de protección.
O presidente da Xunta quixo destacar a inmediata resposta do tecido empresarial galego, con máis de 40 propostas.
Sobre este punto, resaltou que o sector téxtil e da confección comezou a fabricar xa 12.000 batas médicas. “O Sergas tamén solicitou á industria á elaboración de mandís sanitarios impermeables e hai ofertas de produción doutros materiais, como pantallas protectoras”, explicou.
Contratos de servizos e subministracións da Xunta
Por outra banda, cómpre salientar que o Consello da Xunta aprobou esta mañá unha instrución pola que os contratos de servizos e subministracións da Xunta que non poidan executarse pola crise sanitaria ou polas restricións adoptadas quedarán suspendidos. “Quedan excluídos deste suposto os que non estean afectados por esta situación, e os que son indispensables para o interese xeral e o funcionamento básico dos servizos”, precisou.
Cómpre destacar que a suspensión non suporá en ningún caso a resolución do contrato, xa que esta suspensión levantarase cando cesen as causas que a provocaron.
Así mesmo, quedan suspendidos tamén os contratos en fase de tramitación, se ben, excepcionalmente, poderase continuar cos procedementos referidos ao estado de alarma ou os indispensables para o interese xeral e o funcionamento básico de servizos.
“En definitiva, esta instrución, que será publicada a vindeira semana, informará a todos os provedores da Xunta”, concluíu.