Desde
hai semanas o tema principal de conversación no noso País e no medio mundo é
novo coronavirus (COVID-19)
Trátase
dun novo tipo de coronavirus que afecta as persoas e que se detectou por
primeira vez en decembro de 2019 na cidade de
Wuhan, provincia de Hubei, en
China.
Os
síntomas máis comúns inclúen febre, tose, e sensación de falta de aire. Nalgúns
casos tamén pode haber síntomas dixestivos como diarrea e dor abdominal. A
maioría dos casos presentan síntomas leves. En casos máis graves, a infección
pode causar pneumonía, dificultade importante para respirar, fallo renal e
mesmo a morte. Os casos máis graves xeralmente ocorren en persoas de idade
avanzada ou que padecen algunha enfermidade crónica, como enfermidades do
corazón, do pulmón ou problemas de inmunidade.
Parece
que a transmisión é por contacto estreito coas
secreciones respiratorias que se xeran coa tose ou o esbirro dunha
persoa enferma. A súa contaxiosidade depende da cantidade do virus nas vías respiratorias. Estas secreciones infectarían a outra persoa se
entran en contacto co seu nariz, os seus ollos ou a súa boca. Parece pouco
probable a transmisión polo aire a distancias maiores dun ou dous metros. Co
coñecemento actual, as persoas que non presentan síntomas non transmiten a
enfermidade.
Achego a ligazón á guía do Minsiterio de Sanidade.
O Ministerio de Sanidade está a traballar baixo 4
principios esenciais: toma de decisións baseada na evidencia científica;
seguimento permanente; coordinación coas CCAA e a nivel europeo e
internacional; e transparencia informativa.
Desde o comezo da alerta consensuouse un protocolo de
actuación entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, que a
Consellería de Sanidade xa trasladou ás xerencias das áreas sanitarias,
incluíndo definición de caso sospeitoso e criterios de actuación, que se está a
actualizar periodicamente en función da evolución do abrocho e do coñecemento
que se vai xerando.
Ademais,
tamén se enviaron os protocolos, adaptados á nosa estrutura asistencial, que
están dispoñibles na web da Consellería de Sanidade, no apartado de saúde
pública. Estes protocolos detallan todos os pasos para facer a vixilancia e
control en Galicia, cómo actuar na detección de casos e o seu manexo, a toma e
manexo das mostras obtidas dos pacientes e cómo elaborar as enquisas de cada
caso para facer un seguimento.
Tanto o Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia como o sistema asistencial
teñen definidos protocolos de actuación claros e teñen capacidade demostrada
para o seu manexo.
Estes
protocolos vanse adaptando segundo estea dispoñible nova información que o
aconselle, tanto no tocante á definición da sospeita de enfermidade como nos
criterios de manexo dos casos e dos seus contactos.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, fixo
hai días un chamamento á tranquilidade, Feijóo incidiu en que “estamos
alertados, non alarmados”, como indican os especialistas.
Ante esta situación, a Xunta adquiriu novo equipamento
para os hospitais galegos e fixou un teléfono gratuíto 900 400 116, para que se
alguén presenta síntomas e provén dunha zona de risco chame ao 061 e o persoal
sanitario se desprazará ao seu domicilio para efectuar as probas se o considera
necesario.
Ademais de manter unha coordinación constante co
Ministerio de Sanidade e co resto das comunidades autónomas, o Sergas
reforzouse con 60 profesionais máis nos equipos que recollen mostras, nos
servizos de prevención dos hospitais e os laboratorios de microbioloxía que
realizan as probas, e no propio 061.
Compre lembrar as recomendacións que fan os expertos:
lavar as mans con frecuencia, evitar tocar ollos, nariz e boca e cubrir a boca
cun pano desbotable ou co cóbado ao tusir.
Os conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e
de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladaron a pasada semana a
representantes empresariais e do sector do turismo as recomendacións da Xunta e
abordaron o posible impacto do coronavirus no tecido produtivo.
Finalmente dicir que existe en Galicia unha Comisión
Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras
enfermidades emerxentes. Este órgano permite a coordinación e impulso das
actuacións que se consideren precisas, máis aló do ámbito estritamente
sanitario, de maneira que se minimice o impacto social e mesmo económico que
poida causar a expansión destas novas enfermidades emerxentes.