Hoxe a conselleira
de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou un compromiso firme
por potenciar a competitividade do Noroeste peninsular a través da oportunidade
que representa a súa incorporación ao Corredor Atlántico de Mercadorías para
optar a fondos comunitarios cos que modernizar a liña ferroviaria.
Así o trasladou a conselleira durante a súa
participación hoxe en Vigo no xantar coloquio organizado polo Círculo de
Empresarios de Galicia co presidente da Plataforma Atlántico Noroeste e
presidente da Federación Galega de Empresarios, Luis Javier Cepedano, que foi
presentado polo presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge
Cebreiros.
Ethel Vázquez lembrou que Galicia, Castela e León e
o Principado de Asturias formaron unha alianza de éxito a través das súas
forzas políticas, económicas e sociais, que logrou que se corrixise o erro
histórico de deixar o Noroeste peninsular fóra do Corredor Atlántico de
Mercadorías.
Esa posición conxunta obtivo o respaldo da Unión
Europea e abriu a posibilidade de optar a fondos europeos para a modernización
da liña ferroviaria de mercadorías e reforzar as conexións dos principais
centros loxísticos, como os portos.
A conselleira lamentou que
se deixara pasar xa desde a Administración central do Estado a primeira
oportunidade de solicitar fondos europeos para impulsar proxectos estratéxicos
para a competitividade do Noroeste, como a saída sur de Vigo.