martes, 10 de marzo de 2020

O coronavirus motiva o aprazamento da actividade parlamentaria no Congreso


Viaxei esta mañá en avión desde Santiago a Madrid para participar na actividade parlamentaria prevista. Ás 11,00 horas assitín a reunión de Mesa e Portavoces da Comisión de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana.

Pero pouco tempo despois coñecemos que a presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell  Batet, tras reunirse coa Xunta de Portavoces, desconvocou o Pleno desta semana – que ía empezar ás 15,00 horas - ante a decisión de todos os deputados do Grupo Parlamentario  VOX de non asistir ás sesións parlamentarias previstas dado que un dos seus parlamentarios deu positivo por coronavirus.

O hemiciclo baleiro, esta tarde
O resto da actividade parlamentaria tamén foi desconvocada por acordo da Mesa do Congreso, salvo a comparecencia do ministro de Sanidade, Salvador  Illa, ante a Comisión de Sanidade, Consumo e Benestar Social, prevista para este xoves, para informar sobre a evolución do coronavirus.

O vindeiro xoves  reunirase de novo a Mesa e a Xunta de Portavoces para, tras avaliar a evolución do  Covid19, organizar a actividade parlamentaria da próxima semana e garantir o normal funcionamento do Parlamento.

A presidenta do Congreso explicou en declaracións ante os medios de comunicación que a decisión de aprazar o Pleno adoptouse "non tanto por razóns sanitarias senón porque hai un grupo parlamentario en pleno, 52 deputados, un grupo importante na Cámara, o terceiro grupo, que xa nos anunciou que non vai asistir a ningunha das reunións parlamentarias previstas esta semana por dar positivo un dos seus membros".

Esta ausencia reduciría a "lexitimidade democrática das votacións e as decisións adoptadas", polo que se acordou o aprazamento do Pleno, aínda que a Mesa e a Xunta de Portavoces volverán reunir o xoves para estudar o modo de garantir a "normalidade parlamentaria" e que o poder lexislativo do país siga funcionando.

A Mesa da Cámara acordou tamén cancelar as visitas guiadas e a celebración no Congreso de todos os actos  extraparlamentarios acordados pola Mesa: xornadas, reunións, etcétera, que conlevan a afluencia de moitas persoas e a súa concentración nun mesmo espazo.

Por outra banda, concederanse permisos especiais, incluíndo, se fose preciso, o teletraballo, para os traballadores da Cámara que puidesen ter dificultades de conciliación tendo en cuenta as medidas adoptadas pola Comunidad de Madrid que inclúen o peche de centros educativos e centros de maiores, entre outros; e para as persoas que puidesen estar en situación de risco. A gardería do Congreso permanecerá pechada a partir deste mércores, 11 de marzo.

Espero que  o máis axiña posible cambien as circunstancias e podamos volver á normalidade e así poder cumprir coas nosas obrigacións parlamentarias.