Onte o conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, demandou na Conferencia Sectorial de Comercio
protocolos claros de actuación a nivel estatal para que o comercio poida abrir
de novo ao público ofrecendo a máxima confianza aos consumidores.
Algo que tamén estamos reclamando desde o Grupo
Parlamentario Popular no Congreso dos Deputados, tanto para o comercio como
para os servizis de perruquería e hostelería.
No
encontro, celebrado de xeito telemático e ao que foron convocadas todas as
comunidades autónomas, o conselleiro reclamoulle ao Goberno que recolla
instrucións precisas sobre como se vai proceder á reapertura dos
establecementos, xa que hai moitas dúbidas entre os comerciantes sobre como vai
ter lugar a volta á actividade.
Neste
sentido, Conde indicou que o sentimento do sector nestes momentos é de
“desasosego e preocupación” ante un proceso de reactivación económica que
cualificou de “improvisado”. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
apuntou que non existe un plan de acompañamento desde o punto de vista laboral,
que aclare a situación tanto dos Ertes como dos autónomos que están vinculados
ao cese de actividade, para acompasar a reactivación coa súa situación laboral.
Por iso,
apuntou Francisco Conde, “esperamos que o Goberno traslade con claridade de
forma inmediata toda esta situación, e desde logo a Xunta de Galicia vai seguir
colaborando non só co Goberno senón tamén co pequeno comercio”.
A Xunta
está a elaborar xunto co sector un plan de reactivación do comercio galego,
dentro do cal xa se creou un grupo de traballo para impulsar medidas en materia
de prevención. O obxectivo primordial do plan é promover que o consumidor acuda
ao comercio de proximidade, incentivando a demanda con campañas promocionais;
impulsar a dixitalización e promover a prevención con medidas como o
acondicionamento dos locais ou os novos protocolos de atención ao público.
No encontro celebrado onte,
o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que Galicia defende unha
reactivación do comercio na que as comunidades poidan decidir con certa
flexibilidade de acordo ás súas circunstancias, e lembrou que a Xunta avoga por
que o criterio xeográfico para a desescalada sexa o das áreas sanitarias, cun
tratamento específico para o rural.