miércoles, 29 de abril de 2020

Feijóo: "Galicia non pode avalar un plan de desescalada que ten serias lagoas de eficacia e utilidade"


Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao Goberno de España que non faga “oídos xordos” ás comunidades autónomas para, de xeito coordinado e consensuado, definir a mellor reactivación social e económica.
Durante a rolda de prensa para avaliar o plan de desescalada anunciado polo Executivo central, Feijóo incidiu en que as comunidades son colaboradores necesarios e imprescindibles para, entre todos, poder acertar ante a situación máis complexa que se recorda. “Estamos xuntos nisto e compartimos o mesmo obxectivo, acadar unha desescalada segura, prudente, progresiva e eficaz”, dixo, recordando que as comunidades autónomas demostraron sempre lealdade e responsabilidade e os cidadáns comportáronse cunha responsabilidade histórica; “polo que o Goberno non pode actuar de costas aos que xestionamos a realidade e somos responsables dos servizos de saúde e, en definitiva, dos pacientes”.
“Estamos a falar dun plan que non foi negociado, nin moito menos consensuado coas comunidades. Un plan que non foi presentado en ningunha das conferencias de presidentes celebradas e que, desde logo, Galicia non pode avalar porque ten serias lagoas de eficacia e utilidade”, insistiu, avogando por que o documento presentado polo Executivo sexa un punto de partida no que poder avanzar e aprobar un plan definitivo na vindeira conferencia de presidentes, o próximo domingo.
“Entramos nunha fase crucial da resposta á pandemia e a mellor maneira de afrontala con acerto é traballando de forma coordinada e leal, e non a golpe de imposicións do boletín oficial, con ordes ministeriais que saen de xeito continuado e constante, nunha situación dunha enorme improvisación”, abundou.
Sen tratamento específico para o rural e cunha mobilidade provincial
Ao longo da súa intervención, Feijóo fixo unha primeira análise, asegurando que o plan do Goberno para afrontar a desescalada conta “con algunhas luces e con moitas sombras”, botando en falta, primeiramente, un tratamento específico para o rural.
“Estamos a falar dun plan pensado en realidades urbanas e non en realidades rurais”, dixo, expoñendo tamén a necesidade de replantexar a mobilidade provincial. Sobre este punto, lembrou que 270.000 galegos residen en municipios que son limítrofes das provincias galegas. “Polo que a clave non é unha delimitación administrativa de 1833, senón se os municipios limítrofes teñen a mesma situación epidemiolóxica”, aseverou, sostendo que se nas catro provincias galegas a situación epidemiolóxica é igual, o lóxico é que poida haber movementos entre elas, sen necesidade de esperar ata o 22 de xuño como mínimo.
Deste xeito, o titular da Xunta incidiu en que se teña en conta a área de saúde e non a provincia como unidade de capacidade do sistema sanitario. “E parécenos que tamén debería de falarse dos servizos de urxencias e emerxencias, ao igual que se fala da atención primaria, hospitalaria e UCI, porque son a eles aos que chegan os casos en primeiro lugar”, engadiu.
Así mesmo, destacou a indefinición que existe dos criterios de reapertura en distintos sectores económicos como, por exemplo, no comercio, na actividade pesqueira ou na restauración; e resaltou a necesidade de despexar as incógnitas sobre a duración do estado de alarma, xa que dificilmente se pode falar de pasar á nova normalidade se temos unha situación excepcional. “Non podemos manter sine die un mecanismo tan excepcional na democracia”, recalcou.

O presidente da Xunta fixo fincapé tamén na necesidade de coñecer os parámetros e as variables sanitarias a partir das cales o Goberno vai autorizar en cada territorio o paso á seguinte fase.

“Descoñecemos cales son os criterios sanitarios exactos aos que os territorios nos temos que someter para obter un resultado obxectivo e incuestionable e que non dependa da vontade de interpretación do Goberno central; e botamos de menos tamén un obxectivo serolóxico que axude ao cambio de fase”, dixo, lamentando que o documento non concrete para que valen os test epidemiolóxicos.