Esta mañá o presidente do Goberno
galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que Galicia iniciará a finais deste mes
de abril o estudo epidemiolóxico sobre o COVID-19 que contará cun total de
100.000 test e destacou que se trata da mostra epidemiolóxica máis grande que
se fixo no Sergas. Así mesmo, precisou que o obxectivo deste estudo será o de
coñecer cal é a situación e o desenvolvemento da pandemia “cunha mostra moi
importante da poboación galega”.
Deste xeito, explicou que na última
semana de abril se realizará unha primeira onda da mostraxe con 50.925 persoas;
e 4 semanas despois recolleranse novas mostras a outras 50.925 persoas. E o
Instituto Galego de Estatística será o que determine o tamaño da mostra
necesaria para que os resultados sexan representativos por grupos de comarcas e
para as sete grandes cidades.
Nesta liña, e a modo de exemplo,
destacou as mostras que se levarán a cabo en cada unha das 7 grandes cidades
galegas: en Ferrol realizaranse 2.600 mostras, na Coruña 5.800, en Santiago
2.750, en Lugo 2.750, en Ourense 3.400, en Pontevedra 2.700 e en Vigo 6.800.
Cómpre salientar que a poboación obxecto
de investigación serán as persoas con tarxeta sanitaria do Servizo Galego de
Saúde e, entre todas elas, elixirase aleatoriamente aos participantes no estudo
diferenciados por sexo, idade, grandes concellos e áreas territoriais. O Sergas
encargarase da realización dos test e da recollida de información e o Instituto
Galego de Estatística enviará o listado de persoas seleccionadas a cada área
sanitaria.
No tocante á loxística, o titular da
Xunta resaltou que cada centro de saúde terá asignada unha poboación concreta
para estudar coa que contactará telefonicamente. Ás persoas que entren no
estudo daráselles unha cita para que acudan ao seu centro de saúde para
tomarlles a mostra mediante unha punción capilar; e, entre 15 e 20 minutos
despois xa se coñecerá o resultado. O titular do Goberno galego salientou que o
estudo é “completamente voluntario”. E, no caso de dar positivo, realizarase
unha proba PCR para confirmalo e seguirase o criterio clínico.
Logo de subliñar que esta mostra de
100.000 persoas é compatible coa que faga o Goberno central, Feijóo incidiu en
que o estudo servirá para saber cal é a situación do virus na nosa Comunidade e
poder así tomar decisións tanto no ámbito económico como no social. Non en van,
o estudo dará información útil para planificar medidas de normalización e tamén
ter información para estar preparados ante posibles rebrotes.
O presidente da Xunta aseverou que é
preciso “non baixar a garda” e subliñou que para iso será fundamental tanto o
estudo epidemiolóxico como a responsabilidade dos cidadáns.