Hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a creación dun fondo de continxencia específico para reorientar gasto corrente e poder así reforzar o gasto sanitario e social como consecuencia do COVID-19. “Levamos a cabo unha reprogramación de gastos correntes da Xunta de Galicia”, dixo, subliñando que este fondo estará dotado con 100 millóns de euros, que se sumarán ao xa presupostado para as partidas de Sanidade e servizos sociais.
O titular do Goberno galego recordou que o consignado para o Sergas este ano é máis de 4.100 millóns de euros —o maior orzamento da súa historia e un 9% máis que en 2009— e o destinado a servizos sociais ascende a 821 M€—o maior orzamento neste eido e un 44% máis que en 2009—. Tamén salientou que para poder facer esta reprogramación aforráronse custes no funcionamento de centros educativos ou centros administrativos da Xunta (aforros en auga, calefacción, subministros, etc.), entre outros. Ademais, destacou que “todo o orzamento da Xunta prioritariamente está dedicado á emerxencia sanitaria e tamén á emerxencia económica que estamos vivindo”.
Reactivación das obras do sector público
O titular do Goberno galego avanzou tamén o acordo de reactivar máis de 500 obras do sector público autonómico. Desas 500, un total de 100 estaban en licitación —e vanse adxudicar—ou aínda non estaban licitadas —e iniciarase o proceso de licitación—. Feijóo destacou que, en total, superaranse as 500 obras, o que supón un investimento de 300 M€ e 5.370 empregos e valorou esta medida como “fundamental para reactivar a economía de Galicia”.
Así, subliñou que é unha decisión que se adopta dentro do respecto ás medidas de Sanidade e aproveitou para pedir a todas as empresas que cumpran escrupulosamente coas medidas de seguridade para os traballadores.
O presidente da Xunta destacou exemplos das obras que se reactivan: obras en centros educativos que hai que finalizar antes do próximo curso; obras das intermodais; de conservación, de mantemento e construción de centros de saúde; para manter a construción dos novos hospitais de Galicia; de abastecemento e saneamento de augas; ou a obra da Cidade da Xustiza de Vigo.
Feijóo sinalou que a reactivación tería efecto o luns posterior á Semana Santa, cando a construción e outro tipo de actividades industriais volverán a estar permitidas.
Adianto do pago do primeiro trimestre da quenda de oficio
Por último, Feijóo resaltou a autorización do adianto do pago correspondente ao primeiro trimestre da quenda de oficio destinado aos Colexios de Avogados e de Procuradores de Galicia.
En concreto, explicou que se procederá a abonar hoxe o mesmo pago que no anterior trimestre e, despois, axustarase en función das liquidacións. Esta medida tómase porque, ante a situación excepcional causada polo coronavirus, resultan máis complicadas as tarefas de comprobación e revisión das certificacións que os Colexios trasladan ao rematar cada trimestre.
Así, para evitar atrasos, a Xunta abonará a mesma contía que no trimestre anterior, e despois axustarase en función das certificacións remitidas polos Colexios. En concreto, a cantidade que se pagará ascende a: 2,9 millóns para os Colexios de Avogados; e a algo máis de 275.000 euros para os de Procuradores.