miércoles, 1 de abril de 2020

A Xunta recibe o segundo envío de máscaras cun total de dous millóns de unidades


Informa hoxe a Xunta de Galicia de que recibiu o segundo envío de máscaras cun total de dous millóns de unidades adquiridas pola Comunidade . O material, que chega a Galicia grazas á loxística facilitada por Inditex, foi entregado na plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde, situado en Negreira, e desde alí será distribuído a toda a comunidade.
Este é un dos envíos dunha parte dos lotes adquiridos pola Xunta de Galicia a distintos provedores e que se suman ás 700.000 máscaras recepcionadas o pasado domingo; 500.000 desas unidades foron adquiridas pola Xunta e o resto foron procedentes de doazóns, 100.000 de Inditex e outras 100.000 de Grupo Caamaño.


Sanidade xa está a distribuír o material de protección recepcionado con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.
Así, un total de 122.350 máscaras foron distribuídas por residencias sociosanitarias de toda Galicia. Da contía total, 4.000 máscaras eran de tipo N95, outras 114.000 unidades distribuídas son máscaras cirúrxicas con gomas, e tamén se entregaron 4.350 máscaras de tipo FFP2.
En concreto, enviáronse 20.000 unidades directamente á Consellería de Política Social, outras 18.190 foron enviadas ás residencias sociosanitarias da área de Vigo, 16.500 unidades ás da área da Coruña, 13.300 máscaras ás residencias da área de Santiago, 4.740 ás de Lugo, 33.020 ás de Ourense, 8.580 ás de Pontevedra e 8.020 ás de Ferrol.
Os protocolos de actuación para a protección dos profesionais na presente crise sanitaria provocada polo Coronavirus COVID-19 establece a necesidade de que usen equipos de protección individual (EPI) para determinadas intervencións. Os elementos de protección recomendados son gafas de protección, batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas e FFP2 e luvas de exame, xunto con solución hidroalcólica desinfectante.

Compras de equipamento sanitario


O Servizo Galego de Saúde tamén está distribuíndo e instalando en todas as áreas sanitarias os equipos adquiridos nos dous expedientes de compra tramitados polo procedemento urxente. Este equipamento está destinado a reforzar a atención sanitaria en todos os hospitais da rede.
En concreto, nunha primeira fase adquiríronse 7 unidades de ventiladores para o transporte dos pacientes desde os hospitais comarcais ás unidades de referencia e tamén 6 novos equipos portátiles de raios x; todos estes equipos están xa instalados. Ademais, neste primeiro expediente de compra adquiríronse 34 unidades de ventilación non invasiva (3 destes equipos xa están instalados) e 27 ventiladores volumétricos para as unidades de críticos (xa están instalados 24 equipos).
Por outra banda, o Goberno galego autorizou tamén un segundo expediente urxente para atender o incremento da incidencia do COVID-19 por valor de 1,2 millóns de euros para a adquisición de 47 ventiladores volumétricos, un equipo portátil de raios X e 916 biombos ou pantallas de protección para traballadores de atención ao público que xa están instalados. Actualmente, xa están instalados 25 ventiladores. Tamén se está pendente da chegada dun novo equipo de raios X neste mes de abril.
Ademais, o Consello da Xunta autorizou a semana pasada a compra de diverso material cun orzamento de 6.697.638 euros destinado a adquirir 7.230.000 máscaras cirúrxicas, 200.000 máscaras respiratorias, 625.034 batas de alta protección/impermeables e 21.920 botellas de solucións desinfectantes entre outros artigos.