martes, 28 de abril de 2020

As consecuencias da crise sanitaria do Covid-19 no mercado laboral de Galicia marcan a primeira EPA de 2020

As consecuencias da crise sanitaria do Covid-19 no mercado laboral de Galicia marcan a EPA do primeiro trimestre de 2020. A poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.338.600 persoas, das cales 1.239.800 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,0%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas diminúe en 1.900 persoas, mentres que a taxa de actividade diminúe 0,1 puntos respecto ao cuarto trimestre de 2019.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2019, o número de persoas activas aumenta en 5.600 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,1 puntos. Por sexo, a taxa de actividade masculina aumenta dúas décimas, ata situarse no 57,8%. A taxa de actividade feminina diminúe 0,5 puntos porcentuais, e sitúase no 48,6%.

A ocupación diminúe en 13.000 persoas no primeiro trimestre de 2020 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.083.000 persoas ocupadas. A taxa de ocupación diminúe 0,6 puntos neste trimestre, ata o 46,3%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 2.800 persoas, o que supón unha suba do 0,3% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre diminuíu tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns diminuíu en 2.300 persoas respecto ao cuarto trimestre do ano 2019 e a ocupación das mulleres diminuíu en 10.700 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha baixada da taxa de ocupación masculina de 0,2 puntos e unha diminución de 0,9 puntos no caso da feminina.

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2019, o número de homes ocupados aumenta en 14.600 persoas (un 2,6%), mentres que o de mulleres ocupadas diminúe nun 2,3%.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE 2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta en todos os sectores agás nos servizos. Na industria a ocupación aumenta en 7.500 persoas con respecto ao cuarto trimestre de 2019, a construción rexistra un aumento de 1.900 persoas na cifra de ocupación e o sector primario de 1.300 persoas. Pola contra os servizos rexistran 23.500 traballadores e traballadoras menos.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2019, a ocupación aumenta na construción un 17,4%, na industria un 11,2% e no sector primario un 6,9%; pola contra, nos servizos a ocupación diminúe un 4,1%.

Se comparamos os datos dos sete grandes municipios galegos, observamos que Lugo e Santiago son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (55,6% e 55,4%, respectivamente) no primeiro trimestre de 2020. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (39,7%).

No primeiro trimestre de 2020 en Galicia había 156.800 persoas en paro, 11.000 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumenta 0,9 puntos e sitúase no 12,6%. No referido ás taxas de paro, este trimestre Lugo é o concello de entre os sete grandes con menor valor (8,0%) e Ferrol a que presenta a taxa de paro máis elevada (18,3%).

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2019, o número de parados e paradas aumenta en 2.900 persoas (un 1,9%) e a taxa de paro 0,1 puntos.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 71.900 persoas (5.700 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 84.900 persoas (5.400 mulleres máis en paro). A taxa de paro masculina aumenta en 0,8 puntos porcentuais e a feminina aumenta nun punto, situándose a primeira no 11,1% e a segunda no 14,3%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino descende en 5.600 persoas (un 7,2% menos), e o volume de paradas aumenta en 8.400 persoas (un 11,0% máis que hai un ano).

En Galicia había 872.100 persoas asalariadas no primeiro trimestre de 2020, 653.300 con contrato indefinido e os 218.800 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 1.100 asalariados e asalariadas menos con contrato indefinido, o que supón unha diminución de 0,2 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe en 10.100 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 4,4% con respecto ao cuarto trimestre de 2019). No que respecta á variación interanual, as persoas con contrato indefinido incrementáronse un 1,8% e as persoas con contrato temporal diminuíron un 2,1%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 25,1%.

Ourense

poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 269.900 persoas, das cales 128.900 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 47,8%.

ocupación sitúase en 112.000 persoas . A taxa de ocupación foi do 41,5%.

No primeiro trimestre de 2020 en Ourense había 16.900 persoas en paro o que sitúa a taxa de paro no 13,1 %