viernes, 3 de abril de 2020

Novas compras pola Xunta de materiais de protección destinados a profesionais e doentes, así como de tests de anticorpos para a detección do coronavirus

Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello que a Administración autonómica ofrecerá atención á poboación para atender ás consecuencias psicolóxicas da emerxencia sanitaria creada polo coronavirus.
“Trátase dun servizo que se prestará a través do teléfono das emerxencias 112”, dixo, e será posible grazas á colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ademais subliñou que este servizo funcionará as 24 horas do día e estará dispoñible desde a vindeira semana e ata que sexa necesario, inicialmente mentres dure o estado de alarma.
O titular da Xunta incidiu en que o obxectivo será o de axudar a paliar as consecuencias psicolóxicas que se poidan derivar das restricións do estado de alarma. Non en van, a situación de confinamento implica consecuencias como a alteración de rutinas, interrupción das redes de apoio, afectación laboral ou a necesidade de coidado de persoas dependentes de forma máis intensa; ademais da soidade, especialmente, entre as persoas da terceira idade.
Feijóo referiuse tamén a outros aspectos que aumentan a vulnerabilidade como o medo ao contaxio da enfermidade e a alteración do proceso de dó para as persoas que, lamentablemente, perderon algún ser querido nestes días.

Máis de 5 millóns para a adquisición de novo material sanitario


Por outra banda, o titular da Xunta destacou unha nova contratación de diversos materiais de protección destinados a profesionais e doentes, así como de tests de anticorpos para a detección do coronavirus. Toda esta adquisición contará cun orzamentos de 5,1 millóns de euros.
Logo de recordar que nas últimas semanas se mercou material por valor de 17 millóns de euros, Feijóo precisou que con esta nova compra o Goberno galego adquire: 20.000 unidades de tests, 4 millóns de máscaras cirúrxicas, case 152.000 máscaras respiratorias, 524.480 batas de alta protección/impermeables, preto de 70.000 lentes de protección ocular, 80.100 pantallas de protección facial, 100.000 unidades de mandís plastificados, ademais de buzos de protección e tecido impermeable, transpirable e lavable.
Tamén se inclúe a adquisición duns 45.000 litros de solucións desinfectantes de mans, 120.000 litros de solución desinfectante de superficies, así como envases e tubos dispensadores para a elaboración destes produtos.