lunes, 27 de abril de 2020

Feijóo aposta por un modelo de desescalada baseado no mando único e cunha aplicación de acordo ás especifidades dos distintos territorios


Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou, durante a videoconferencia co Goberno central e cos outros presidentes autonómicos, por un modelo de desescalada baseado no mando único e cunha aplicación de acordo ás especificidades dos distintos territorios.
“Plantexei que no Consello de Ministros do martes se inclúa unha cláusula de salvagarda territorial para que as comunidades poidan decidir con certa flexibilidade –previa comunicación ao Goberno– a apertura dos sectores económicos de acordo coa nosa propia situación sanitaria e xeográfica”, explicou, incidindo en que para iso é necesario, ademais dun traballo conxunto, coñecer canto antes: todos os datos dos que dispón o Executivo central, o horizonte que propón e a metodoloxía que se pretende tanto para a apertura inicial como para os posibles peches no caso de rebrotes.
Nesta liña, e insistindo nun modelo de apertura flexible e dinámico, o titular da Xunta aseverou que Galicia traballa xa “de cheo” neste proceso de planificación, baseándose en tres eixes: xeográfico, demográfico e de sectores económicos.
En canto ao criterio xeográfico, fixo fincapé en que este non debe coincidir con divisións administrativas. “O que parece razoable é que o criterio xeográfico sexa o das áreas sanitarias”, afirmou, explicando que, a partir de aí, a metodoloxía galega propón distinguir microzonas segundo os riscos sexan: menores, o que pode permitir avanzar máis rápido na desescalada en ámbitos como boa parte do rural; permanentes, en zonas máis vulnerables –residencias, colexios, centros de traballo máis concorridos-; e puntuais, como a detección dun brote determinado nun concello ou fábrica concreta.
Sobre o segundo eixe, baseado en criterios demográficos, Feijóo trasladou a necesidade de establecer tres segmentos de idade: maiores de 70 anos, as persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 69, e os menores de 14 anos. “E sobre o terceiro eixe, o lóxico é que os sectores económicos poidan abrir en función da área sanitaria onde se atopen”, dixo. Así, nunha área sanitaria onde hai pouco impacto epidemiolóxico e cunha gran infraestrutura sanitaria, os sectores poderán abrir antes que naqueles lugares cun impacto epidemiolóxico maior.
O presidente da Xunta subliñou que o obxectivo é chegar a unha especie de escala de cores que distinguirá distintos niveis de apertura, que se establecerán con datos obxectivos, actualizados de forma permanente, e en base aos cales se decidirán as restricións por territorios, por grupos de idade e por sectores.
“Segundo as nosas primeira aproximacións, cremos que o cadro de mando do Goberno para toda España sería mirar a situación epidemiolóxica, a capacidade sanitaria instalada, os factores de risco e o control da inmunidade e, en base a estes riscos, chegar a cinco niveis”, asegurou, referíndose a modo de exemplo ás zonas con risco baixo ou cunha situación de relativa normalidade, nas que se poderían abrir as actividades económicas; ás zonas cun risco medio ou cunha situación de transición, onde habería actividades económicas que poderían abrir e outras que non; ou ás zonas cun risco alto ou cunha situación de alerta, onde só deberían de abrir aquelas actividades económicas esenciais, pospoñendo aquelas outras non esenciais.
“Esta é a metodoloxía que temos e que plantexamos”, dixo, incidindo en que a desescalada ten que ser segura e flexible, recalcando a importancia de testar a poboación, ademais de advertir sobre a necesidade de que o Goberno central teña en conta non só os novos contaxios, senón o número de test que se realizan.
Rebaixa do IVE nas mascarillas e axudas europeas
O responsable do Executivo galego reiterou a necesidade dun protocolo único de uso de mascarillas e de que se acometa unha rebaixa do seu IVE, que segue fixado no 21% e referiuse tamén a outras propostas xa expostas, como a apertura da actividade en talleres e concesionarios; a apertura paulatina doutros establecementos comerciais, coas limitacións de aforo ou de cita previa; proseguir coa rehabilitación en edificios; así como a venda de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados municipais ao aire libre.
No que respecta ao eido económico, Feijóo fixo fincapé na necesidade de coñecer con que intensidade corresponden ás autonomías as axudas europeas para poder preparar a reactivación da economía. Do mesmo xeito, solicitou novamente a celebración do Consello de Política Fiscal e Financeira para que o Ministerio de Hacienda poida traballar de xeito coordinado coas comunidades e pediu que non se sigan detraendo fondos das autonomías para financiar medidas adoptadas polo Goberno central.