miércoles, 1 de abril de 2020

In memoriam de Consuelo Garrido, nai de Miguel Ángel Blanco



Son xa moitos miles as vítimas en España do maldito coronavirus. Hoxe coñecemos a triste noticia do falecemento de Consuelo Garrido, nai de Miguel Ángel e Marimar Blanco, poucos días despois de perder ao seu pai, Miguel Blanco.

Ambos naceran no ourensán concello da Merca, pero inmigraron desde Galicia, como milleiros de persoas, buscando traballo, coñecéronse e casaron no País Vasco, en Ermua.

Consuelo e o seu esposo Miguel Blanco sufriron na súa vida a inmensa traxedia de perder violentamente ao seu querido fillo Miguel Ángel, asasinado pola ETA o 13 de xullo de 1997 e representaron como outros familiares das vítimas do terrorismo, un exemplo de dignidade e de liberdade.

Leo agora no Facebook da Fundación Miguel Ángel Blanco unhas reflexións que a falecida Chelo Garrido compartiu para o documental "As Voces de Antígona", obra documental da FVT: "Nin teño odio contra eles, nin teño odio contra as familias, nin teño odio contra ninguén, non se se eles téñeno. Eu sinto moita dor, moita dor desde o primeiro día”.
O meu sentido pésame a Marimar Blanco, coa que tiven ocasión de compartir en Madrid o pasado 11 de xullo os actos conmemorativos do 22 aniversario do asasinato de Miguel Ángel. 

Daquela, nunha entrada deste blog lembraba as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo con ocasión da concesión en 2017 a Miguel Ángel da Medalla de Galicia a título póstumo: 

Con esa mesma liberdade que os asasinos non podían soportar, honramos neste día un ourensán vítima dun crime que dificilmente admite esquecemento ou perdón. Fronte a modernas rebeldías que non supoñen risco ou ameaza para os seus autores, Miguel Ángel, e tantos coma el, rebeláronse contra o terror, poñendo en perigo a súa vida; e perdérona. 

No seu nome queremos resumir as biografías de todos os que caeron defendendo unha España, un País Vasco, unha Galicia, libres. 

Grazas á súa irmá, aos seus pais, aos pobos de Ermua e da Merca, e a todas as familias das vítimas do terrorismo, por manter a dignidade da democracia e confiar no poder do Estado de Dereito.”

Descanse en Paz, xunto ao seu fillo Miguel Ángel e o seu esposo Miguel.