O presidente da
Deputación de Ourense, Manuel Baltar, deu a coñecer hoxe unha importante medida
dentro da estratexia de cooperación que está a impulsar desde o goberno
provincial para paliar a grave crise sanitaria, social e económica do COVID-19 na provincia de Ourense.
Trátase de dúas
liñas de axudas para autónomos e Pemes da provincia, para as que a Deputación
destina case catro millóns de euros (3.825.000 €) e que teñen como obxectivo
axudar aos autónomos que tivesen que acollerse ao cesamento de actividade como
consecuencia da crise do coronavirus, e tamén ás pequenas empresas que sufrisen
unha perda de facturación igual ou superior ao 50 %.
É a primeira vez
que a Deputación de Ourense pon en marcha estas axudas directas e específicas,
sendo neste sentido un dos gobernos provinciais pioneiros en España.
"Trátase de destinar case catro millóns de euros en subvencións para
autónomos e Pemes radicadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, uns
sectores que son prioritarios para o goberno provincial na estratexia de
reactivación económica que xa iniciamos desde a Deputación de Ourense",
afirma o presidente Baltar.
Manuel Baltar deu a
coñecer estas medidas económicas ao termo da reunión da Xunta de Goberno celebrada telemáticamente hoxe venres, con 25 puntos na
orde do día, na que tamén se aprobaron axudas para 13 municipios, destinadas a
obras de infraestruturas, servizos, eficiencia enerxética, saneamento, cultura,
deporte e equipamentos.
No caso das axudas
a autónomos, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de
subvencións a traballadores autónomos dos municipios de menos de 20.000
habitantes da provincia de Ourense que se acollesen ao cesamento de actividade
na crise do COVID-19.
O procedemento de
concesión das subvencións é o de concorrencia non competitiva, e a concesión
das subvencións realizarase de forma continua, ata esgotar o orzamento
previsto, segundo a orde de recepción das solicitudes e baixo os principios de
publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
Poderán ser
beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de dezaoito anos que
cumpran os seguinte requisitos: ser traballadores autónomos, incluídos no
Réxime Especial de Traballadores Autónomos ou no Sistema Especial para
Traballadores por Conta Propia Agrarios, figurando dados de alta no Imposto de
Actividades Económicas; exercer unha actividade económica con carácter
empresarial, profesional ou artística por conta propia nun municipio da provincia
de Ourense de poboación inferior a 20.000 habitantes; ter recoñecida a
prestación extraordinaria por cesamento de actividade prevista no artigo 17 da
Real Decreto Lei 8/2020 do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias
para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.
A subvención terá
unha contía de 600 euros, que se farán efectivos nun pago único.
Axudas
para Pemes.
En canto ás axudas
para Pemes, A Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da concesión de
subvencións a pequenos empresarios dos municipios de menos de 20.000 habitantes
da provincia afectados pola crise do
COVID-19, nos seguintes termos.
A subvención non
poderá exceder de 1.000 euros por solicitante.
As solicitudes para
ambas as liñas de axudas deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación
Provincial de Ourense, de modo presencial ou telemático, neste último caso a
través da sede electrónica da Deputación Provincial de Ourense (
https://sede. depourense.es). O prazo de
presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do
día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.