Onte o presidente da Xunta, Alberto
Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria,
Francisco Conde, as instalacións de PSA en Vigo, unha planta que a Xunta e a
compañía buscan converter na máis competitiva do grupo tras a covid-19.
A aposta constante pola innovación e as
medidas de prevención e seguridade adoptadas son clave para seguir reforzando a
competitividade tanto desta factoría automobilística como do conxunto da
industria da automoción galega. A planta de PSA está retomando a súa actividade,
e así, o vindeiro 1 de xuño recuperará a terceira quenda de traballo.
Galicia tense posicionado nos últimos
anos como un referente mundial no coche eléctrico e no vehículo autónomo, e os
modelos K9 e V20 supoñen unha importante carga de traballo para a planta
viguesa e para a industria auxiliar. Ademais, PSA participa en iniciativas que
contribúen á dinamización do sector da automoción e o desenvolvemento de
procesos innovadores en todo o tecido industrial, como son a Business Factory
Auto ou o hub de innovación dixital impulsado por Ceaga.
As diferentes medidas e protocolos adoptados
por PSA no reinicio da súa actividade coordináronse tanto coa industria
auxiliar e de compoñentes, a través do Clúster de Empresas da Automoción de
Galicia (Ceaga), como coa Administración autonómica, a través do asesoramento
técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).
Cómpre salientar que Galicia conta cunha
das cadeas de valor da industria da automoción máis completa de Europa. En
2019, o sector alcanzou unha facturación de 9.700 millóns de euros, un 12%
máis, superando os datos históricos do 2007 cando acadaron os 9.300 millóns de
euros.