Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez
Feijóo, convocou aos partidos políticos galegos para abordar a convocatoria
electoral, tras coñecer os informes dos expertos que sitúan o principio do
verán como o momento máis seguro. “Acabo de remitir estes informes aos partidos
políticos para que poidan avalialos e convócoos a unha reunión mañá para
escoitar a súas opinións e reflexións. A partir da opinión dos expertos -e
tamén escoitarei a opinión dos partidos políticos-, tomarei a decisión que creo
sexa a máis responsable”, abundou.
Despois
de que a pandemia obrigase a suspender o proceso electoral previsto para o 5 de
abril, e co compromiso de activalo de novo “no prazo máis breve posible”,
Feijóo trasladou onte o contido dos informes sanitarios -informe da área de
Saúde Pública da Xunta, do presidente da Sociedade Galega de Medicina
Intensiva, do presidente da Sociedade de Urxencias e Emerxencias de Galicia e
do xefe de enfermidades infecciosas do CHUAC- e do informe da Asesoría Xurídica
da Xunta, encamiñados a orientar unha decisión “que non é, en ningún caso,
sinxela”.
Así,
desde o punto de vista sanitario, e sempre que se manteñan as previsións, o
presidente da Xunta trasladou que os expertos coinciden en que o momento que
pode ofrecer menos incertezas para poder votar é o principio do verán, sendo a
seguridade sanitaria maior canto antes se celebren os comicios. Pola contra, as
incertezas increméntanse canto máis avance o ano, restando garantías para que
se poida celebrar un proceso electoral en condicións sanitarias axeitadas.
Sobre
este último punto, explicou, entre outros aspectos, que os meses de maior
recepción de visitantes na Comunidade son xullo e agosto, “o que pode
expoñernos a máis contaxios importados”; as condicións meteorolóxicas do verán
-temperaturas maiores, raios ultravioleta- poderían contribuír a reducir o
impacto do virus; “e os modelos epidemiolóxicos non descartan un novo pico da
enfermidade con máis probabilidade despois do verán”, engadiu.
O
responsable do Executivo galego resaltou que o informe xurídico subliña que se
dan as condicións xurídicas para a convocatoria e celebración dunhas novas
eleccións, considerando que se se estima que as condicións poden ser peores no
outono, o prudente e correcto é proceder a unha nova convocatoria á maior
brevidade, para non poñer en perigo o dereito fundamental do sufraxio activo e
pasivo.
“En
definitiva, a Asesoría Xurídica indica que as eleccións poderían convocarse á
maior brevidade; e os informes sanitarios conclúen que o mellor momento para a
celebración das eleccións conta con maiores garantías a principios do verán que
a finais do verán”, expuxo.
Tellado insta á oposición a apoiarse en
criterios técnicos e sanitarios para abordar a convocatoria electoral e non na
demagoxia
Hoxe o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, sinalou que ao PPdeG lle
gustaría que a oposición dese tamén unha opinión baseada en criterios técnicos
e sanitarios, ao igual que fixo Feijóo; e non unicamente na opinión dos líderes
de cada un dos diferentes partidos que a conforman.
Así, instou aos grupos a non caer en demagoxias nin
en oportunismos, xa que son conscientes de que a lexislatura expira en semanas,
da situación epidemiolóxica que ten Galicia e de que a prórroga do Estado de
Alarma habilita a convocatoria electoral. De feito, tal e como expuxo, nin
PSOE, nin Podemos nin BNG se opuxeron no Congreso á emenda do PNV que permite a
convocatoria electoral.
Para Tellado, sorprende a postura contraditoria do
PSOE, que di unha cousa no País Vasco -que se amosou a favor dunhas eleccións en
xullo- e a contraria en Galicia; polo que, se tivese un mínimo de coherencia, o
PSdeG apoiaría a convocatoria electoral. Do mesmo xeito, chámalle tamén a
atención a postura do BNG que, tras votar a prórroga do Estado de Alarma, agora
quere renunciar ao autogoberno e prefire que nos marquen a data das eleccións.
Considerou que os partidos teñen a oportunidade de ser
construtivos e de dar a súa opinión con lealdade e pensando no benestar de
Galicia. E subliñou que “os informes son concluíntes”: o mellor momento para
convocar eleccións é canto antes, desde un punto de vista sanitario e con todas
as garantías xurídicas.