Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
demandou ao Goberno de España claridade, certezas e criterios obxectivables que
permitan unha reactivación social e económica eficaz e segura. “Pedimos
claridade, certezas e criterios obxectivables e medibles”, dixo, incidindo en
que nesta fase, na que non caben improvisacións nin rectificacións, o Goberno
está a tempo de evitalas se conta de verdade coas comunidades autónomas.
Durante a videoconferencia co Executivo central e os
outros presidentes autonómicos, Feijóo reiterou que Galicia non pode validar un
plan de desescalada confuso, incompleto e discrecional, lamentando, por
exemplo, que aínda non se coñezan os criterios sanitarios para facer o corte e
poder pasar dunha fase á outra; uns criterios que, aseverou, deben ser
“exactos, obxectivos, coñecidos con antelación e rapidamente avaliables”.
Nesta mesma liña, incidiu en que en vez de manter unha
división provincial, o máis lóxico é avaliar as zonas polos criterios
sanitarios que, á súa vez, marcan as áreas sanitarias. “Así mesmo, entendemos
que a mobilidade entre zonas debe facerse segundo cumpran ou non a
clasificación epidemiolóxica, é dicir, os criterios sanitarios”, engadiu.
Ademais, fixo fincapé na necesidade de distinguir o
ámbito urbano e o ámbito rural, xa que “os criterios urbanos non se poden
implementar nas zonas rurais e viceversa”; así como en que aqueles lugares que
leven períodos de tempo sen contaxios poidan acceder ás fases máis avanzadas
directamente.
“Tampouco hai protocolos de actuación por sectores,
unha estratexia concreta de actuación ante calquera rebrote que se poida
producir, nin unha estratexia tecnolóxica, cando a tecnoloxía é clave a partir
de agora”, engadiu, criticando ademais o uso desproporcionado que o Goberno
central está a facer dun sistema que debe ser extraordinario, como é o estado
de alarma.
“Dificilmente podemos falar de ir achegándonos á
normalidade se mantemos sine die un mecanismo tan excepcional
como é o estado de alarma”, aseverou, incidindo en que se debería levantar o
antes posible.
No caso de que se propuxese algunha prórroga máis, o
presidente do Executivo galego defendeu que o estado de alarma debería
modularse no que respecta ao ámbito de aplicación, concretando en que
territorios é necesario; e ao ámbito de ampliación, aclarando de forma expresa
os dereitos que se limitan e non de forma xenérica limitando todos os dereitos
de circulación.
Dúbidas no ámbito económico e persoal
Dúbidas no ámbito económico e persoal
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta
insistiu en que o plan plantexado polo Goberno debería ser un bo punto de
partida, se ben é necesario que se escoite ás comunidades. Ao respecto,
trasladou que as dúbidas son moi extensas en todos os ámbitos, como o
económico, no que subliñou a importancia de saber que negocios poderán abrir na
primeira fase, dar ás empresas un marco definido que lles permita planificar as
súas actuacións e protexer as súas plantillas, coñecer se serán necesarias
mamparas nos comercios, cal será o horario preferente para maiores ou para
persoas vulnerables, e adecuar a regulación dos ERTE á apertura gradual.
No ámbito persoal, aseverou que “a xente quere saber
con certeza cando poderá visitar aos seus familiares nos seus domicilios e aos
seus amigos, ou que vai pasar cos campamentos infantís no verán”, dixo,
demandando tamén máis concreción no ámbito educativo, tanto para este curso
como para o que vén, así como o plan da Administración da Xustiza para reactivar
“este piar do Estado”.
Por último, Feijóo valorou positivamente a decisión de
remitir ás comunidades 16.000 millóns de euros como fondos adicionais, se ben
expresou a preocupación de que aínda non se concretasen os criterios de
reparto, é dicir, se estes van ser iguais ou similares aos criterios con que se
reparte o sistema de financiamento autonómico. “Esperemos que non se ensaie un
novo sistema de financiamento con estes 16.000 millóns”, abundou.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta