Esta mañá o presidente do Goberno galego,
Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer as novidades do Plan de prevención e
defensa contra os incendios forestais de Galicia 2020 que reforzará os medios
aéreos, cun incremento de capacidade de transporte auga, e adaptarase ás
condicións establecidas pola emerxencia sanitaria, coa incorporación dos
protocolos necesarios para garantir o traballo do persoal en condicións óptimas
de seguridade e hixiene.
Entre as novidades, este documento –que foi aprobado polo
Consello da Xunta do pasado 8 de maio– suporá un investimento de 30,5 millóns
de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas e
en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, de prever a
construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento máis de 3.200 xa
existentes.
Nesta planificación preventiva recóllense traballos silvícolas
preventivos; a creación e mellora de infraestruturas de defensa; e
intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións para
incrementar o valor do monte e defender as vivendas fronte o lume. Actuacións
que se iniciaron o 18 de maio e que se prolongarán, sempre e cando o permitan
as condicións climatolóxicas, ata o 13 de xullo.
En relación aos medios aéreos, destacou o incremento da
capacidade de transporte de auga e sobre o dispositivo humano, o titular do
Goberno galego aseverou que será moi semellante ao de anos anteriores, pero con
maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio. Así, en total, estará
integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais
propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. “Todos eles terán
á súa disposición 360 motobombas”, dixo, avanzando a adquisición de 11
motobombas e a cesión doutras 5 a distintos concellos de Galicia.
Así mesmo, o despregue do persoal de terra reforzarase coa
permanencia un mes máis dos efectivos fixos descontinuos –case 1.000 persoas-,
que o ano pasado estiveron sobre o terreo cinco meses e nesta campaña van estar
seis.
Ademais, nas tablets coas que contan os axentes e técnicos se
incluirán datos cartográficos actualizados, localización GPS dos recursos
asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar,
información da evolución do lume; fotografía xeorreferenciada e capacidades de
edición, información dos puntos de auga, etc.
Por outro banda, no texto tamén se actualiza a información
relativa ás parroquias de alta actividade incendiaria, reducíndose o número en
máis do 60%, ao pasar das 71 existentes en 2019 ás 28 deste ano.
O presidente da Xunta concluíu poñendo en valor o traballo
voluntario dos bombeiros forestais e axentes ambientais do servizo durante a
emerxencia sanitaria. Ao respecto, recordou que levaron a cabo arredor de 6.000
desinfeccións nos exteriores dos centros de saúde, residencias de maiores e
discapacitados e outro tipo de instalacións en ata 200 concellos de menos de
5.000 habitantes.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta