domingo, 17 de mayo de 2020

Feijóo pide ao Goberno un criterio común en materia de educación e servizos sociais e que se pechen este mesmo mes os criterios para o reparto do fondo de 16.000 millóns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe ao Goberno central un criterio común en materia de educación e servizos sociais e que se pechen este mesmo mes de maio os criterios para o reparto do fondo de 16.000 millóns de euros.
“Teríanos gustado un maior compromiso de coordinación na educación e nos servizos sociais”, dixo, en relación ao primeiro asunto, subliñando que “non ten sentido que nun estado de alarma, en vez dun criterio, dunha base común, haxa dezasete”.
Durante a décima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo volveu insistir tamén na necesidade de coñecer canto antes os criterios de reparto dos 16.000 millóns de euros comprometidos ás autonomías, así como o prazo en que se van a desembolsar. Sobre este punto, trasladou o convencemento de que esta cantidade se ampliará, toda vez que a Unión Europea porá a disposición dos estados membros, a partir do 1 de xuño, 540.000 millóns de euros, dos cales só 250.000 millóns se poderán dedicar a gasto sanitario.
Por outra banda, e logo de que o Goberno decidise acudir ao fondo europeo contra o desemprego para financiar os ERTE -dotado con 100.000 millóns-, o titular da Xunta expuxo a necesidade de que se deixe sen efecto a confiscación do diñeiro das comunidades para a formación continuada dos traballadores, e que no caso de Galicia ascende a 100 millóns de euros.
Así mesmo, reiterou a necesidade de que o Goberno central coordine coas comunidades a Renda Mínima Vital. “É necesario coñecer cal é a proposta do Goberno central, cal é o texto do Real Decreto-lei que quere aprobar”, sinalou.

Pasear xuntos cos fillos e práctica deportiva fóra do municipio


O responsable do Goberno galego trasladou tamén a petición de que na saída dos nenos se reconsidere a indicación de que só poden ir acompañados por un dos seus pais, xa que “nun momento no que se pode pasear coas persoas coas que se convive e no que se pode compartir vehículo con elas, non ten ningunha razón de ser que un pai e unha nai non poidan pasear xuntos cos seus fillos”, dixo. E ademais, propuxo seguir intensificando a diferenza entre o mundo rural e o mundo urbano, así como eliminar a limitación de non poder saír do municipio para a práctica deportiva, toda vez que hoxe está permitido saír dun concello, por exemplo, para ir a unha terraza.
Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu na importancia de acadar un equilibrio entre a saúde e a dignidade social e económica do país. “Buscar como podemos avanzar sen perder, nin un ápice, o rigor na saúde pública e ir acompasándoa á saúde económica e social”, aseverou, subliñando que cada semana en fase 1 supón unha perda do 0,59% do PIB en Galicia; “é dicir, 370 millóns de euros cada semana de perda na nosa economía”.

Por último, o presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para “felicitar o Goberno central por aceptar as propostas de Galicia”, de xeito que, finalmente, os establecementos de máis de 400 metros cadrados poderán abrir limitando a superficie; a política de promocións comerciais será igual para a venda presencial e para a venda por Internet; e permitirase a práctica da pesca e caza con carácter deportivo. “Soamente lamento que se tardara unha semana en conseguir o que xa deberíamos ter fai varias semanas”, concluíu.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta