viernes, 29 de mayo de 2020

Sobre o Ingreso Mínimo Vital



Hoxe o Consello de Ministros aprobou unha Real Decreto-lei polo que se pon en marcha un Ingreso Mínimo Vital, unha prestación non contributiva da Seguridade Social que garante ingresos mínimos a quen carece deles.

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, lembrou que a medida está recollida no acordo subscrito entre as formacións políticas que compoñen o Executivo e no discurso de investidura do presidente do Goberno.

A Xunta de Galicia entende que o mellor xeito de que o Ingreso Mínimo Vital chegue con eficacia ás persoas que máis o necesitan e que non se produzan solapamentos coa Renda de inclusión social de Galicia (Risga) e que haxa persoas que poden cobrar unha dobre prestación. 

Para iso demanda a súa cesión a todas as comunidades, como ao País Vasco, para que xestionen esta prestación.

Galicia dispón dunha renda de inclusión social desde hai case 30 anos. Ten experiencia de xestión, profesionais públicos e ademáis esta modalidade de xestión non é novidosa, posto que as pensiones non contributivas (PNC), cuxos fondos proveñen da Seguridade Social, levan moitos anos sendo tramitadas e pagadas polas comunidades autónomas.

Tamén a Xunta solicita que o Ingreso Mínimo Vital, igual que a Risga, inclúa un itinerario de inserción social e laboral para quen a cobra, que non sexa incondicional. 

Renda de inclusión social de Galicia

Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia (DOG do 31 de decembro) regula a renda de inclusión social de Galicia (RISGA), que é unha prestación pública destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, así como a acadar progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral, mediante o dereito e o deber de participar en procesos personalizados de inserción con apoio técnico e financeiro do Sistema galego de servizos sociais e do Sistema público de emprego de Galicia.

A renda de inclusión social de Galicia, en canto prestación económica, terá carácter alimenticio, persoal e non transmisible, e non poderá ser obxecto de embargo ou retención nin darse en garantía de obrigas.

Os proxectos de integración social estarán orientados ao logro da mellora persoal e social da persoa perceptora da RISGA e das que integran a unidade de convivencia, así como á súa autonomía, participación e integración normalizada no seu ámbito social, e articularanse por medio de accións concretas que incidan na mellora das condicións básicas de vida, coidado persoal, hixiene do fogar e da vivenda, coidado e atención a posibles convivintes con calquera tipo de discapacidade e seguimento de aspectos básicos de saúde.

Salientar que a Xunta de Galicia adiantou preto dunha semana o pagamento da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) do mes de abril para aliviar a economía doméstica de 10.000 familias galegas.. Deste xeito, en lugar de percibila nos últimos días do mes, os beneficiarios desta prestació comezaron  a cobrala coa intención de minimizar o impacto do coronavirus nos fogares máis vulnerables.

O importe medio da Risga é de 550 euros ao mes, logo de que se introduciran novidades o ano pasado. Con estas modificacións, engadiuse un tramo de inserción, para facilitar que a persoa perceptora mellore a súa formación; e outro tramo de transición ao emprego, que permite compaxinar Risga e salario durante seis meses e garantir así unha transición suave ao mercado laboral.