Hoxe tras
a Reunión Extraordinaria do Consello da Xunta, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo fixo esta comunicación:
"Bos días, grazas pola súa atención. Antes de
nada, dou conta da situación actual do coronavirus e o seu impacto sanitario na
Comunidade.
A día de hoxe temos 93 persoas hospitalizadas con Covid,
un 1,06% menos que hai 24 horas; outras 17 están na UCI, un 5,5% menos que hai
24 horas; 1.061 están sendo atendidas nos seus domicilios, un 2,45% menos que
hai 24 horas; e 607 persoas faleceron a causa da enfermidade, un falecido máis
que hai 24 horas.
Son datos que demostran que Galicia se atopa, desde o
punto de vista da situación nacional e desde o punto de vista da situación dos
países da Unión Europea, nunha situación sólida para abordar a reactivación
social, laboral e económica que pretendemos.
Os estudos epidemiolóxicos demostran que o virus apenas
circulou na Comunidade. Tanto o estudo epidemiolóxico feito polo Sergas para o
Goberno central como o propio estudo epidemiolóxico para a Xunta acreditan que
o 98% dos galegos non tivo contacto co virus e, en consecuencia, estamos ante
unha situación moi limpa desde o punto de vista de circulación interna deste
virus, con independencia de que isto teña aspectos positivos pero tamén
preocupantes.
A evolución da pandemia sitúanos nunha clara fase de
control. Para que se fagan unha idea a ocupación das UCI e dos hospitais por
pacientes Covid baixou máis dun 90% desde o pico máximo. De 178 UCI ocupadas
pasamos a 17 e, de 946 persoas hospitalizadas, a 93. E a media de novos
positivos por PCR na última semana é de 9 casos diarios, baixando dos 460 casos
diarios que tivemos durante o pico da pandemia.
O número de concellos con cero casos de transmisión
comunitaria nos últimos tres días é de 306: 289 con 7 días sen casos; 252 con
14 días sen casos; e 194 con 28 días sen ningún caso de contaxio.
Vimos agora de celebrar un Consello da Xunta
Extraordinario no que abordamos as eleccións autonómicas que estaban pendentes
desde o 5 de abril, data inicialmente prevista e que tivo que suspenderse como
consecuencia da pandemia.
De acordo co vixente Estado de alarma aprobado polo
Congreso dos Deputados, que habilita expresamente a convocatoria de eleccións
autonómicas e que tivo o voto favorable de PSOE, Podemos e Ciudadanos e as
abstencións de Partido Popular e BNG...
De acordo co decreto de suspensión que comprometía a
convocatoria de novas eleccións no prazo máis breve posible...
De acordo coa previsión do Goberno central de que nun mes
se poderían ter superadas todas as fases de desescalada no conxunto da nación
española...
De acordo cos informes dos diferentes expertos
consultados que coinciden en que hai menores incertezas e posibles riscos
celebrándose no inicio do verán que despois de pasar todo o verán e ás portas do
outono...
E unha vez escoitada a opinión dos partidos políticos...
O Consello da Xunta acaba de dar o visto e prace ao
decreto para a celebración das eleccións autonómicas o próximo 12 de xullo.
Como saben, o 25 de setembro cómprense catro anos da
celebración das últimas eleccións autonómicas e isto obriga a fixar unha data
antes de que rematen os catro anos de mandato parlamentario.
A data inicial prevista era o 5 de abril pero, por
cautelas sanitarias e por razóns de saúde pública, suspendemos as eleccións xa
convocadas. E teño que agradecer que, finalmente, todos os partidos políticos
estivesen de acordo coa suspensión electoral.
Unha vez superado o pico desta pandemia e acreditado que
a circulación do virus, de momento, é baixa segundo os estudos do Goberno da
Xunta –moi especialmente dos responsables epidemiolóxicos e de saúde pública da
administración sanitaria–; e coa necesidade de convocar as eleccións antes de
que remate formalmente a lexislatura que se esgota despois do verán...
Fixen unha consulta a diferentes expertos sanitarios e
tamén ao letrado xefe da Asesoría Xurídica e ao seu equipo para que nos
indicasen cal eran as súas recomendacións sanitarias e legais para atopar o
domingo con menos incertezas para celebrar as eleccións autonómicas.
Estes informes foron trasladados aos partidos políticos
para que puideran coñecelos e dar a súa opinión dun xeito máis formado, posto
que me comprometín a escoitala para, no menor prazo posible, convocar as
eleccións, como así reza e obriga o decreto de suspensión das eleccións do
pasado 5 de abril.
A Asesoría Xurídica avala e recomenda que as eleccións se
celebren canto antes. Os expertos sanitarios están de acordo en que é máis
seguro celebrar as eleccións ao inicio do verán que despois de recibir a visita
de miles de turistas doutras comunidades durante os meses de xullo, agosto e
setembro. O ano pasado recibimos durante estes meses a visita de máis de 1,7
millóns de turistas.
E no ámbito dos partidos, Partido Popular, En Marea e
Ciudadanos estiveron de acordo coa opinión dos expertos e consideran que
celebrar as eleccións no mes de xullo é un bo momento se sanitariamente están
garantidas. Pola contra, PSdeG, Podemos e BNG amosaron o seu rexeitamento a
esta data.
Os expertos consultados foron:
No ámbito sanitario:
o Os responsables da área de Saúde Pública da Xunta de
Galicia.
o O presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva.
o O presidente da Sociedade de Urxencias e Emerxencias de Galicia.
o E o xefe de enfermidades infecciosas do CHUAC.
E no ámbito legal:
o O informe está asinado polo letrado xefe da Asesoría
Xurídica da Xunta.
Todos os expertos sanitarios e legais coinciden en que o
máis prudente é celebrar as eleccións canto antes, posto que deixar pasar o
tempo aumenta as incertezas e a inseguridade sanitaria e xurídica.
A partir de todas estas opinións correspóndeme tomar unha
decisión como Presidente, que é a que lles acabo de trasladar.
Teño que elixir entre o que me recomendan por escrito os
expertos sanitarios e legais ou o rexeitamento destas opinións por parte
dalgúns partidos da oposición e, nunha situación como a que estamos a vivir,
entendo que o máis prudente é seguir as recomendacións dos expertos sanitarios
e legais.
Por iso a data é o 12 de xullo: a primeira data que
permite o prazo obrigado de 54 días de antelación cos que se teñen que convocar
as eleccións ao Parlamento de Galicia.
A celebración de eleccións neste contexto, podo
asegurarlles, resúltame tan inoportuna como a quen máis, pero a lexislatura
remata e a miña obriga é que Galicia teña un presidente lexítimo, lexítimo para
que sexa elixido durante o período do mandato que vence, inevitablemente, a
partir do 26 de abril. A miña obriga é que Galicia teña un parlamento en plenas
funcións, plenamente operativo e decidido de forma incontestable; un
parlamento, en definitiva, que sexa a decisión de cada un dos galegos con
dereito a voto.
Pensamos que este parlamento ten un plantexamento por
diante titánico, como é buscar o goberno axeitado para que este, á súa vez,
atope as propostas máis eficaces para que Galicia sufra con menor intensidade a
pandemia económica e social que, todo parece indicar, imos vivir a finais deste
ano –e xa moitas familias neste momento– e tamén o vindeiro ano.
O virus, lamentablemente, aínda segue existindo. Existe
agora e seguirá existindo durante meses. En definitiva, probablemente este
virus seguirá existindo ata que a comunidade científica internacional descubra
unha vacina eficaz.
E as eleccións terán lugar nunha data que, entendemos,
ten máis certezas que outras hipóteses, de acordo coa recomendación dos
expertos sanitarios e xurídicos: o 12 de xullo.
Esta data coincide, moi probablemente e por quinta vez,
coa data das eleccións autonómicas vascas, que tamén foi fundamentada nos
mesmos motivos pero que si tivo apoio, por exemplo, do PSOE en Euskadi, cousa
que, lamentablemente, en Galicia non obtivemos.
Esta data, ademais, permitirá ao goberno que saia das
urnas ter uns orzamentos que teñen que estar aprobados neste ano 2020 e que
teñen que estar presentados no mes de outubro, de acordo coa lexislación
económica e financeira da Comunidade.
E, por suposto, estas eleccións se celebrarán con todas
as garantías de seguridade sanitaria tanto para que poidan votar todas as
persoas que queiran votar –con independencia do seu lugar de domicilio ou
idade-, como tamén para as persoas que teñan que estar na mesa electoral
durante a xornada de votación.
Desde xa, poñémonos tamén a completar os protocolos de
seguridade para que se poida participar nestas eleccións con todas as
garantías. Esperamos contar coa colaboración do Goberno de España, así llo
acabo de solicitar formalmente ao seu presidente, posto que no último decreto
de alarma no que avala estas eleccións tamén se obriga ao Goberno central a
“coadxuvar ao seu mellor desenvolvemento e realización”.
E no que se refire á labor da Xunta, teñan por seguro que
a prioridade do Goberno e a miña é e seguirá sendo a loita contra as
consecuencias desta pandemia.
É a prioridade da actual Xunta de Galicia e, estou
convencido, será tamén a prioridade da Xunta de Galicia que saia da decisión do
Parlamento, previa ás votacións ao Parlamento autonómico a celebrar o 12 de
xullo deste ano 2020."
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta