O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao Goberno de España o desacordo cos criterios de reparto do fondo de 16.000 millóns e incidiu en que se modifiquen para acadar un reparto equilibrado entre as comunidades.
Durante a videoconferencia co Executivo central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo reiterou a súa discrepancia profunda de que dentro do criterio sanitario só se teña en conta o número de camas hospitalarias e de camas de UCI utilizadas, xa que esta medida, explicou, prexudica a aquelas comunidades que, ao igual que Galicia, tomaron tamén outras decisións para evitar o colapso dos hospitais, como: a apertura de residencias integradas, con 250 camas operativas, ou o sistema de teleasistencia para o seguimento de 3.500 pacientes.
Así mesmo, o titular da Xunta expresou a preocupación polos cambios de criterio en relación ao Ingreso Mínimo Vital e que poden provocar un solapamento das rendas de integración social das comunidades, das pensións non contributivas da Seguridade Social e dunha renda mínima vital, “que parece ser que pode xestionar o Goberno central”. Ao respecto, Feijóo avogou “por que todo isto se faga dunha forma conxunta”, de xeito que as comunidades, igual que xestionan as pensións non contributivas, poidan xestionar a renda mínima que hai en cada autonomía xunto con outra renda que pode ser maior e ampliada por parte do Goberno central.
Por outra banda, e ante a apertura do período de matrícula escolar, urxiu tamén na necesidade de avanzar nas directrices para o inicio do vindeiro curso académico; así como de avaliar o papel das comunidades nos fondos europeos que recibirá España.
A necesidade de traballar con instrucións claras e certezas
O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para pedir a todos os galegos a máxima prevención e prudencia a partir de mañá, en alusión ao tránsito de Galicia á fase 1. “A única vacina é o noso comportamento individual e colectivo”, aseverou, ao tempo que defendeu a necesidade de contar con instrucións claras e certezas.
Neste sentido, defendeu que as comunidades deben estar informadas sobre en que consiste cada fase para poder prepararse desde o punto de vista sanitario; os sectores produtivos precisan protocolos de funcionamento axeitados; e os cidadáns necesitan saber que poden facer en cada unha delas para poder ordenar a súa vida. Ademais de insistir en que todos debemos coñecer tamén cando se prevé abandonar o estado de alarma, que o Goberno prevé empregar ata que finalice a desescalada.
O presidente da Xunta aproveitou a reunión para trasladar ao Goberno as dúbidas do pequeno comercio nesta fase 1, sobre como cumprir a obriga de establecer sistemas que permitan o reconto e control do aforo; así como a preocupación polo feito de que se permitan rebaixas e promocións vía web e non presencialmente.
Por outra banda, defendeu a necesidade de que os establecementos que dispoñan dunha superficie maior á contemplada na normativa –400 metros cadrados– poidan reiniciar a actividade reducindo temporalmente a superficie comercial a ese límite. E tamén propuxo que, ao igual que se permite a apertura dos concesionarios de automoción, se aplique este criterio a establecementos de venda ao por menor de artigos de construción e saneamento e maquinaria industrial e agrícola.
Tras coñecerse a través do BOE a posibilidade de apertura dos centros de día e de discapacidade, Feijóo confirmou que Galicia non o vai facer mentres non conte con protocolos aprobados polo comité clínico do Sergas: “Non podemos improvisar coa poboación vulnerable”.
No tocante á pesca fluvial e á caza, o titular da Xunta pediu ao Goberno que non se adopte ningunha decisión sobre a súa prohibición mentres non haxa un acordo bilateral co Ministerio de Sanidade. Sobre a primeira, recordou que se trata dun deporte individual que practican miles de galegos e, sobre a segunda, aseverou que non ten sentido que a comunidade, de acordo cos sindicatos agrarios, autorizase batidas de xabarín para preservar os cultivos e que, a partir de mañá, non se poidan facer.
Por último, referiuse á situación dos pasos transfronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal. Neste sentido, e logo de subliñar que tanto a Comunidade galega como Portugal contan cunha situación epidemiolóxica moi parecida, avogou por uns pasos transfronteirizos máis permeables.