Onte o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña
informou en comparecencia pública telemática ante os medios de comunicación, da
proposta que o seu departamento trasladou ao Ministerio de Sanidade para pasar
á fase 1 do Plan para a totalidade do territorio da Comunidade Autónoma de
Galicia, ao entender que se cumpren os requisitos establecidos recollendo,
tamén, unha proposta de modelo de unidade territorial que pretende conxugar o
menor conflito posible entre a protección da saúde e os dereitos fundamentais
da cidadanía.
Para o representante do Goberno galego, durante a
aplicación do Plan de transición debe permitirse a mobilidade das galegas e
galegos dentro da nosa comunidade, sempre que as súas áreas sanitarias se
atopen na mesma fase.
A formulación do Goberno galego, -remarcou Almuiña-, é
que a mobilidade debe permitirse para a cidadanía dentro da Comunidade Autónoma
galega, sen aterse aos límites provinciais, e sempre que as áreas sanitarias de
orixe e destino se atopen na mesma fase.
Capacidade de illamento de zonas concretas
Tal e como incidiu o conselleiro de Sanidade, Galicia
non pretende aumentar con esta proposta as restricións á mobilidade que o
Goberno do Estado poida considerar. A proposta da Xunta baséase en ter a
capacidade para o illamento de zonas concretas inferiores como a zona, o
distrito ou a área, caso de ser necesario, para que, no suposto da existencia
de rebrotes, se aconselle o establecemento de restricións á mobilidade.
A toma de decisións que motiven o cambio de fase das
previstas no Plan de transición, de acordo cos datos epidemiolóxicos,
aplicaranse sobre o ámbito da área sanitaria.
A unidade territorial de actuación sanitaria sobre a
que levar a cabo medidas restritivas de mobilidade, de aconsellalo así os indicadores,
debe ser aquela que, en cada caso concreto, se demostre como a máis efectiva
para controlar de forma máis precisa e proporcionada á situación adversa.
En consecuencia, subliñou Almuiña, será unidade
territorial de actuación para impoñer restricións a zona sanitaria caso de que
se poida atender a situación con esta delimitación, senón será o distrito e, de
non ser posible, a área sanitaria. Esta aproximación, entende o conselleiro,
que é a que permite o menor conflito entre a protección da saúde e os dereitos
fundamentais da cidadanía.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta