Tal e como expuxemos,
a Orde do Ministerio de Sanidad, publicada o pasado 1 de maio, sobre as
condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire
libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19,
establece que “as franxas horarias previstas neste artigo non serán de
aplicación a aqueles municipios e entes de ámbito territorial inferior ao municipio
que administren núcleos de poboación separados cunha poboación igual ou
inferior a 5.000 habitantes, nos que a práctica das actividades permitidas por
esta orde non se poderán levar a cabo entre as 6:00 horas e as 23:00 horas”.
Un punto que, segundo
explicamos, deu lugar a diversas interpretacións por parte dos responsables das
diferentes Delegacións de Goberno. Así, no Principado de Asturias tomouse como
unidade de referencia aos núcleos de poboación e non aos municipios. Isto é:
naqueles núcleos de menos de 5.000 habitantes non hai franxas horarias nin para
os paseos nin para as prácticas deportivas. Unha decisión que, ademais de ser
avalada polo Executivo central, apoiamos os representantes do PPdeG por
adecuarse máis ás características de Galicia.
Os representantes
populares nas Cortes Xerais avogamos porque se tome como referencia o núcleo de
poboación, e non o municipio, á hora de aplicar a norma referida ás saídas dos
cidadáns para dar paseos e practicar actividade física. Deste xeito, avogamos
porque se corrixa de forma inmediata a decisión adoptada polo delegado do
Goberno en Galicia que afecta a máis dun millón de galegos que viven en
localidades pequenas, aínda que pertencen a municipios máis grandes.
Os populares urximos
a que se despexen todas as contradicións existentes sobre as franxas horarias e
piden que se homoxeneice o criterio elixido, avogando porque se aplique o que
se emprega no Principado de Asturias: o núcleo de poboación. Por iso,
lamentamos que o delegado do Goberno na nosa Comunidade non seguira o exemplo
de Asturias e, pola contra, optara como unidade de referencia, ademais dos
municipios con menos de 5.000 habitantes, ás entidades locais menores -núcleos
de poboación pequenos, con poucos habitantes e con algún tipo de xurisdición
especial, pero dependentes dun municipio maior-.
Os representantes
populares no Congreso e no Senado consideramos “errónea e prexudicial para os
intereses dos galegos” a aplicación que fai o delegado do Goberno en Galicia da
norma. Unha interpretación, engadimos, que, ademais de causar malestar entre os
alcaldes dos concellos afectados, non foi explicada nin aclarada. Neste senso,
consideramos que se debería levar a cabo a mesma interpretación que a realizada
en Asturias, por ser “acorde á realidade demográfica de Galicia”.