sábado, 23 de mayo de 2020

Na base de montaxe de vía de Meamán


Viaxo esta mañá  ao pobo de Meamán, no concello de Baños de Molgas,  coa finalidade de facer unha visita á base de montaxe desde a que se está facendo a montaxe de vía no subtramo Pedralba de la Pradería-Taboadela da  LAV a Galicia.

As obras desta base foron licitadas en xullo de 2018 e adxudicadas o 17 de decembro de 2018 por  Adif Alta Velocidade á UTE formada por Extraco S.A. e  Cycasa S.A. O importe de adxudicación foi de 3.025.444 Euros e o prazo de sete meses.


A última vez que estiven aquí foi o 29 de setembro de 2019, e como dicía nunca entrada deste blog, quedei preocupado debido que as obras desta base, que empezaron en febreiro dese ano estaban claramente atrasadas sobre o previsto, coas consecuencias sobre a cumprimento dos prazos comprometidos de chegada do AVE a Ourense. 

Desde esta base realízase a montaxe de vía do tramo de 46,48 quilómetros entre  Campobecerros e Taboadela. A  empresa adxudicataria  Contratas y Ventas, SA (Covensa) está a despregar a vía esquerda tanto en dirección a Taboadela, que se atopa moi avanzada, como cara a  Campobecerros. O investimento é de 24.599.813,04 € (IVA engadido) e tamén comprende a restauración dos puntos de acopio de balasto de Meamán e Taboadela. 

O prazo de execución era de 14 meses, que entendemos comezou a contar en decembro de 2018.

Puiden ver estacionado o tren  carrilero e tamén os pórticos fixos e a laxa de transferencia cun gran acopio de carril.

Tamén vin  bateadoras e outras máquinas especializadas na montaxe de vía.

En canto aos traballos de electrificación, vin como estaban izados postes mentres que as tarefas de tendido da  catenaria e  pendolado están pendentes.

Fixen estas fotografías. 

Agardemos que as obras sigan avanzando.