O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiteraron hoxe o apoio da Administración galega a toda a cadea mar-industria ante un proxecto de Lei de Cambio Climático do Estado que ameaza a seguridade xurídica e a viabilidade económica de todo o sector.
Nela Feijóo lamentou que con este documento se intente facer “unha modificación pola porta de atrás”. “Non podemos aceptar este plantexamento. Non podemos ver como se esnaquiza o sector máis importante de toda a Unión Europea, na rexión máis importante no eido da pesca e da conserva de toda a UE, aproveitando un estado de alarma e unha lei que nada ten que ver coa costa”, abundou.
Tras a reunión, Feijóo subliñou que se a reforma da Lei de Costas que plantexaba o Goberno central hai algo máis dun ano non ten sentido, ao non ter en conta as peculiaridades do litoral galego e do seu tecido produtivo, tampouco ten sentido agora tentar volver a levala a cabo a través da inclusión dun artigo no proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.
“En
abril do pasado ano anunciouse a modificación da Lei de Costas, posteriormente,
no mes de febreiro acordouse non tocar as concesións no ámbito das zonas
marítimo-terrestres para as industrias asentadas de forma legal e, cando
pensabamos que este asunto quedaba resolto, atopámonos cun artigo no proxecto
de Lei de Cambio Climático, que non é unha norma de costas e que se tramita
durante o estado de alarma, sen dialogar nin coa Comunidade nin co sector”,
expuxo.
Diante
desta situación, o responsable do Goberno galego insistiu en que a Comunidade
seguirá traballando, sen dar este asunto por perdido. “Acudiremos a onde sexa
necesario. Temos un Plan de ordenación do litoral; un novo Plan da economía
sustentable, aprobado por Europa; temos aprobado o noso proxecto de economía
circular; e somos unha comunidade que está rebaixando as emisións de CO2 de
forma continuada”, dixo, apelando ao sentido común.
Pola súa
banda, o presidente da Asociación galega de depuración e comercialización de
mariscos (Agade), Roberto Fariña, trasladou a sorpresa da cadea mar-industria
ante o proxecto de lei e incidiu na viabilidade e a sustentabilidade do sector.
“Pedimos que se recoñeza o uso da costa como tal. Somos empresas sustentables
que requirimos da costa para traballar. Pedimos sentido común e que se recoñeza
a realidade socioeconómica de Galicia, da cal viven todos os municipios
costeiros da comunidade”, explicou.