Difunde a web da Xunta hoxe unha excelente nova
“O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe a posición de liderado de Galicia no sector da eólica mariña, cun novo encargo para a construción de 62 jackets en Navantia Fene para o parque eólico de Saint-Brieuc, o primeiro parque mariño a gran escala na Bretaña francesa.
Durante o acto de sinatura do acordo, Feijóo subliñou que este contrato supón para o estaleiro de Fene a adxudicación de maior contía ata a data no sector da eólica mariña, cunha carga de traballo que pode superar os 20 meses e as máis de 1,3 millóns de horas. Ademais de contribuír a afianzar a dimensión internacional do estaleiro ferrolán e a súa capacidade de diversificación.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta animou ao estaleiro a seguir por este camiño, xa que a eólica offshore, pola que apostou a Comunidade desde o principio, abriu unha nova porta a Navantia Fene e á industria auxiliar da comarca, creando novas oportunidades laborais.
Nesta liña, Feijóo resaltou e agradeceu o compromiso de Iberdrola coa factoría de Navantia e con Galicia e insistiu en que o naval é un sector clave para a economía galega. Ao respecto, trasladou a súa preocupación polos próximos dous anos de Navantia Fene-Ferrol. “Navantia necesita seguridade na súa carga de traballo e o Goberno galego vai seguir apoiándoa para que este estaleiro non se quede sen ela e para que as fragatas, consignadas no orzamento do 2018 cunha primeira partida de 250 M€, dos cales non se executou nin un só euro, poidan no menor prazo posible empezar a construírse”, dixo, insistindo en que a comarca non pode vivir dous anos sen pedidos.
Pola súa banda, o presidente de Iberdrola, Ignacio Galán, sinalou que con este contrato, ademais de avanzar nunha enerxía limpa como é a eólica mariña, a compañía demostra que a economía verde é un gran polo de industrialización e de emprego sustentable e de calidade.
Na súa intervención, Ignacio Galán reiterou a aposta de Iberdrola por Galicia destacando o seu “enorme potencial” para transformar os estaleiros en subministradores de plataformas mariñas; “non só para facer barcos, senón tamén para facer outras actividades”.
Sobre este punto, resaltou a implicación do Goberno galego para buscar novos horizontes ás empresas da comunidade. “A túa visión e o teu impulso -dixo en alusión ao presidente da Xunta- foron vitais para iniciar a frutífera relación entre Navantia e Iberdrola e que hoxe nos leva a materializar este contrato e con el a xerar nova actividade e emprego para este estaleiro e a súa contorna”, concluíu.“