Coñecemos hoxe as actuacións que configuran o primeiro “Plan +RURAL” do Concello de Ourense, por medio dunha nota que difunde esta Administración na que se di que:
“O tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente e Perímetro Rural, Jorge Pumar, e os representantes das principais agrupacións de veciños de Ourense mantiveron hoxe luns unha reunión de traballo para acordar e concretar as actuacións que configuran o primeiro “Plan +RURAL” de Ourense. A versión final do Plan materialízase en 51 actuacións que supoñerán 3.727.833,40 euros de investimento en obras no rural durante o período 2020/21.
Jorge Pumar afirma estar satisfeito co traballo realizado. “É un traballo que empezabamos no mes de xaneiro e que se puido concretar hoxe, a pesar dos efectos da maior crise sanitaria en décadas. Logro que se conseguiu, e así o debo destacar, grazas ao enorme esforzo do equipo de funcionarios da concellería que dirixo, que nestes dous últimos meses foron a visitar e valorar unha por unha todas as actuacións solicitadas polos veciños”.
“Tamén quero darlle as grazas a cada asociación e veciños, que colaboraron e confiaron en nós para dar resposta ás súas demandas locais”, engade o concelleiro e tenente de alcalde.
O Plan “+RURAL”, é un plan moi importante para o perímetro rural de Ourense. É un plan de obras participativo e de consenso, onde as federacións, agrupacións, colectivos ou veciños individuais do rural puideron presentar as súas demandas ou necesidades en orde prioritaria.
Este plan incorpora tanto actuacións de conservación ou mellora de vías, parques ou espazos de lecer, rehabilitación de lavadoiros, como tamén proxectos significativos como a humanización do núcleo da Loña (551.250 €), o Palao de Velle (352.300,17 €), a pista cuberta na cabeza de Vaca (162.007,71 €), a mellora da Costiña de Canedo (50.695,90 €), o acceso ao núcleo de Zaín – As Curuxeiras (100.170 €) ou o acceso a Expourense desde o Hotel San Rosendo –cale do Espeto– (47.384,34), entre outros."
Parabén ao tenente alcalde Jorge Pumar, e tamén aos representantes das asociacións, así como aos veciños que contribuíron ao deseño deste Plan, facendo chegar as necesidades do rural de Ourense.
Ademais este investimento, que chega en plena crise económica derivada da pandemia da COVID-19 contribuirá á creación de emprego.