Esta mañá o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, presentou a campaña do noso partido para as Eleccións
Autonómicas e avanzou que tratarán os temas que lle interesan á Comunidade.
Así, falararemos dunha Galicia en positivo,
“que require do mellor de todos nós para volver a saír desta crise; que nos
apaixona e que merece que os seus políticos se centren en dar solucións aos
seus problemas; e á que lle interesa a economía, o emprego, a sanidade, a
política social”.
Igualmente, avanzou que, ademais de ser unha campaña máis dixital e
audiovisual que nunca pero igual de pegada ao territorio que sempre, os
populares apostan por novos formatos de actos, con
retransmisión en directo para que os poidan seguir todos aqueles que non se
poidan achegar de xeito presencial; e con medidas de seguridade acordes aos
tempos que corren.
GALICIA, GALICIA, GALICIA
O número dous do PPdeG tamén anunciou o lema do seu partido para estes
comicios: “Galicia, Galicia, Galicia é moito máis que un lema. Non é unha frase
de laboratorio, senón que é o manual de estilo deste partido; é a filosofía de
toda a carreira do presidente Feijóo e a resposta a todas as preguntas que se
fixo durante a súa vida política; e é a frase coa que leva moitos anos
rematando as súas intervencións”. Ademais, indicou que, malia que o día despois
das eleccións retiraranse as vallas, o compromiso de Feijóo con Galicia seguirá
plenamente vixente.
ESCOLLER ENTRE DÚAS OPCIÓNS
O secretario xeral recoñeceu que o 12 de xullo os galegos terán que escoller
entre dúas opcións: a dun goberno con experiencia, estable e con capacidade de
tomar decisións que nos volvan sacar desta crise, liderado por Alberto Núñez
Feijóo e cunha maioría suficiente para levar a cabo as políticas que Galicia
necesita; ou a dun experimento de goberno, unha amalgama de partidos, sen
líder, programa nin proxecto. “Cremos que a elección, sobre o que máis lle
convén a Galicia, está moi clara e traballaremos para que esta Comunidade o día
12 teña o Goberno que merece”, engadiu.
Ademais, Tellado apuntou que hai partidos que se van pasar toda a campaña
falando de Feijóo, que tratarán á Comunidade desde o desprezo porque os galegos
non lles dan a súa confianza e que pintarán unha realidade paralela, aínda que
para iso teñan que usar bulos. Pola contra, manifestou que os populares falarán
dunha Galicia que quere volver a crecer e que o merece todo, que necesita
solucións reais aos problemas reais, e que non ten un minuto que perder na
recuperación económica, na mellora dos servizos públicos e para volver a colocarse
na senda do crecemento.
UNHA CAMPAÑA SEGURA
En canto ás medidas de seguridade, aclarou que aprobaron un estrito
protocolo no que priman os espazos exteriores sempre que as condicións o
permitan, no que se obriga ao mantemento da distancia de seguridade e ao uso de
materiais de protección como os xeles e as máscaras. “É evidente que o PP vai
renunciar a un dos seus sinais de identidade máis recoñecible, como son os
actos con mobilizacións masivas, porque queremos ser moi prudentes, cremos que
a sociedade non os demanda e, canta máis seguridade teñamos hoxe, antes
poderemos volver a reunirnos como o faciamos tradicionalmente”, explicou.
De igual modo, expresou que as limitacións de aforo e mobilización unidas
á renuncia do presidente a este mes de precampaña obrigoulles a acometer outra
novidade: “Esta campaña terá máis actos, con menos aforo. Onde antes se
programaban actos comarcais, nesta ocasión teremos varios nunha tarde en
concellos máis próximos”.
Neste punto subliñou a xenerosidade do presidente e a súa dispoñibilidade
“porque lle pedimos un esforzo maior ca noutras campañas e aceptouno; e porque
lle pedimos alongar as súas xornadas, tendo en conta que nesta campaña será na
que máis obrigas teña que manter en canto á súa actividade como presidente, e
tamén o aceptou”.