lunes, 20 de julio de 2020

Grazas ao voto dos residentes ausentes censados en Pontevedra, o PP de G suma a acta número 42



Hoxe, as catro xuntas electorais provinciais de Galicia procederon ao escrutinio dos votos do censo de residentes ausentes (CERA).

Os seus presidentes introduciron na urna os sobres de votación dos residentes ausentes recibidos e o/a secretario/a anotaron os nomes dos/ as votantes na correspondente lista. Acto seguido, a Xunta escrutou todos estes votos e incorporou os resultados ao escrutinio xeral.

Finalizado o escrutinio do voto emigrante, deu como resultado un escano máis ao Partido Popular de Galicia en Pontevedra en detrimento do Partido Socialista.
O PP de G obtivo 746 votos dos 1.920 remitidas á Xunta Electoral Provincial de Pontevedra, mentres que BNG obtivo 441 e o PS de G 340.

Con este resultado Alberto Núñez Feijoo obtén unha maioría absoluta máis importante, alcanzando os 42 deputados, conseguindo un resultado histórico de 42 deputados na Cámara autonómica.

En todo caso cabe sinalar que este resultado é provisional e aínda está supeditado aos resultados do escrutinio xeral, que inclúe o reconto definitivo das actas da noite electora. O PSOE impugnou a totalidade dos votos nulos de Pontevedra, polo que comezaron a revisalos. O motivo non é outro que, segundo o último coeficiente, o PP arrebatoulles o seu sexto escano por 43 votos.