Dicía onte en Compostela o presidente Alberto Núñez Feijóo que “Galicia é unha nacionalidade histórica. Ten méritos dabondo para selo. Tal recoñecemento é unha homenaxe a todos os galegos que nos precederon e que foron construíndo pouco a pouco, pero sen descanso, unha gran comunidade de sentimentos.
A historia defínenos pero a nosa nacionalidade non é soamente unha consecuencia da historia que as xeracións presentes nos limitamos a administrar. Faise todos os días. É unha obra viva, incesante, na que todos os galegos participan e da que ningún galego debe sentirse excluído.
De pouco valerían os méritos históricos se non os cultivásemos no presente, mediante o exercicio dunha cidadanía activa e solidaria, que actúa tanto na normalidade como en situacións excepcionais que reclaman esforzos tamén excepcionais.
Hai pobos cunha historia rica e un presente no que a súa enerxía esmorece; e outros vigorosos que, non obstante, teñen poucas raíces no pasado. Galicia chega a estas alturas do século XXI dotada de forza e orgullosa cando mira cara a atrás e contempla o longo camiño percorrido.
A virtude desta nacionalidade é culminar as etapas e continuar a prol das seguintes. Galicia chega e segue avanzando. O conformismo non forma parte da nosa idiosincrasia. Somos, en definitiva, unha nacionalidade en marcha. Camiñamos agrupados, axudámonos, evitando aquilo que poida fragmentarnos e debilitarnos.
Galicia non é un país extenso, nin ten unha poboación numerosa. Por iso sorprende a moitos que, tendo esas dimensións, a súa relevancia nacional e internacional a equipare a territorios moito máis grandes.
Non hai fito relevante da historia, corrente de pensamento ou acontecemento político, no que non se albisque a pegada dalgún cidadán de Galicia. Trazar o Camiño por onde discorre o europeísmo primordial xa sería mérito sobrado para situarnos entre os pobos que deixan o seu selo, pero a Ruta Xacobea forma parte dunha extensa suma de contribucións galegas que nos converten nun país que se proxecta no exterior.
Non hai outra explicación posible que a empatía propia da nosa xente, e tamén a capacidade de transmitir valores valiosos en calquera latitude. Galicia non é un país extenso, pero si é un país grande, un mundo, en palabras certeiras de Vicente Risco.
O fundamento desa grandeza non está soamente na historia, como antes diciamos. Nun día coma hoxe reivindicamos esa tradición que resumiu o seu amor por Galicia en dúas palabras inspiradoras: Nós e Irmandade.
Nós foi o nome que se deu unha Xeración que teimou por un país pronunciado en plural e concibido como un fogar que acolle non soamente aos seus fillos, senón tamén a todo aquel que queira compartir a súa identidade.
Irmandade chámase o movemento que fai da nosa lingua un vencello forte que nos permite ser parte da sinfonía das culturas do mundo. Ese caudal galeguista está aquí presente. Somos fillos deses galegos que creron no seu pobo cando esa fe estaba confinada por circunstancias adversas.”
“Eses espíritos pioneiros danse a man cunha irmandade contemporánea formada polos sanitarios galegos. Premiamos as súas mans expertas; premiamos os ollos que transmitiron acougo aos afectados pola pandemia, dúas deles hoxe aquí acompañándonos; premiamos as palabras de consolo; e premiamos corazóns nos que tivo cabida toda Galicia. Premiamos a todas as mulleres e a todos os homes que coidaron a Galicia, en definitiva, que nos coidaron.
Falamos decote de sistema sanitario, esquecendo quizais o factor humano que distingue unha sanidade fría doutra que, ademais de eficiente, é cálida no trato. Saben dabondo estes profesionais da saúde que o agarimo ten tamén propiedades que curan, e así se demostrou nos momentos máis complexos da crise provocada pola covid-19.
A expresión servidor público nunca estivo mellor empregada que agora, cando nos referimos ao noso colectivo sanitario de hospitais, centros de saúde, residencias de maiores e residencias de discapacitados.
Un fin no que culminan os nosos desexos de liberdade, e un medio para xestionarnos mellor, con proximidade, eficacia e eficiencia. A experiencia autonómica que temos acumulado é testemuño de que os galegos sabemos gobernarnos e cumprir en cada momento co noso deber, como demostran arreo as mulleres e homes da Sanidade.
Igualmente, as condutas imprudentes supoñen un menosprezo aos que tanto fixeron e fan por nós, e que hoxe reciben a Medalla de Galicia.
Grazas ao traballo das mulleres e os homes da sanidade galega, volve evidenciarse un autogoberno afectivo e efectivo que fai que a nosa sexa unha nacionalidade histórica, actual e actuante. Resulta unha casualidade significativa e afortunada que un dos pais do galeguismo, Alfonso Rodríguez Castelao, fora médico de profesión e que un dos seus colegas, Xerardo Fernández Albor, fora elixido primeiro presidente democrático de Galicia.
A pregunta fundamental para valorar estas décadas de autogoberno é se Galicia se uniu máis. Na miña opinión, a resposta é afirmativa. Si, Galicia está máis unida porque é unha suma de afinidades, cun himno e unha bandeira que suscitan a mesma emoción en calquera dos confíns dos verdes castros.
Ese país que a todos pertence estivo e está presente nos centros sanitarios da man dos profesionais que non claudican. Neles vemos o mellor do que somos. Neles está resumida a Galicia querida e admirada que segue camiñando pola historia.
Temos enriba de nós unha espada de Damocles en forma de dificultades económicas derivadas da pandemia sanitaria. Mesmo a pandemia require unha prudencia e unha vixilancia permanentes. Na panoplia de ferramentas para encarar esta situación, está a forza anímica dos colectivos como o que recibe hoxe, moi merecidamente, a Medalla de Galicia.
Na nación común Galicia acomódase sen renunciar a nada, sendo como é, fiel a si mesma, cooperadora e reivindicativa.
Sobran as palabras, adoita dicirse para sinalar que hai sentimentos implícitos que non necesitan ser expresados. Nun pobo coma o noso, un pobo de palabra e con palabra, as palabras nunca sobran.
Parabéns, feliz Día de Galicia e que este acto sirva tamén de benvida ao Ano Xacobeo que nos agarda.
Somos unha Galicia de brazos abertos.
Moitas grazas.”