Hoxe o presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Consello da Xunta vén de adaptar o acordo de medidas preventivas para facer obrigatorio o uso de máscaras en todo momento.
Deste
xeito, explicou que os cidadáns deberemos levar a máscara tanto ao aire libre
como nos espazos pechados, sempre que se poida concorrer con outras persoas e
aínda que se poida garantir a distancia de metro e medio.
As
excepcións serán: aquelas persoas que teñan problemas respiratorios; cando se
trate de persoas convivintes, tanto en espazos abertos como pechados; nas
praias e piscinas durante o baño ou cando se permaneza sen desprazarse; nos
establecementos de hostalería, no momento de consumir; e no caso de exercicio
ao aire libre, sempre que sexa individual.
“Todos
os expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse
como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do virus”,
recordou o titular da Xunta, subliñando que, con esta medida, Galicia dá outro
paso máis no eido da prevención.
O
primeiro dos expedientes aprobados refírese á adquisición de equipos de
protección individual por valor de 3,2 millóns, entre os que destacan: preto de
4 millóns de máscaras cirúrxicas; arredor de 20 millóns de luvas de exame de
nitrilo e vinilo; 130.000 máscaras FFP2/FFP3; 25.000 pantallas de protección
facial; 1.530.000 agullas hipodérmicas; e a adquisición de solución
desinfectante e dosificadores.
O
segundo expediente autorizado será para a contratación de diversos traballos e
servizos na Área sanitaria da Coruña e Cee, así como para o subministro de
materiais e produtos cun investimento total de máis de 2 millóns de euros.
Desta
cantidade, ao redor de 1,3 M€ destinaranse principalmente á adquisición de kits
de PCR, ademais de kits de detección de neumonía, kits de detección de ácidos
nucleicos e medios de transporte para os virus.
O
importe restante -algo máis de 740.000 euros- repartirase entre cámaras de
inhalación para administrar medicamentos, máscaras de protección e máscaras
cirúrxicas, termómetros dixitais e luvas de exame e cirurxía, así como gafas de
protección ocular e batas protectoras estériles dun só uso.
No
tocante ao terceiro expediente, que conta cun presuposto de 914.536 euros, ten
como obxectivo diversos servizos e actuacións na área sanitaria coruñesa. Así,
a maior parte deste orzamento destinarase a tarefas de limpeza e desinfección
en hospitais, puntos de atención continuada e centros de saúde por 590.000
euros.
O
último dos expedientes atinxe á Área sanitaria de Ferrol e estará destinado ao
reforzo do servizo de limpeza no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol,
necesario para intensificar a desinfección no centro a causa da pandemia da
covid-19.