Viana do Bolo
Estabilizado desde as 13,20 h. desta tarde o incendio forestal do municipio ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Vilardemilo, que se orixinara o pasado xoves. De acordo coas últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 250 hectáreas.
Ao iniciarse este lume localizáronse ata cinco focos diferentes, polo que todo indica que foi intencionado. Ademais, cómpre lembrar tamén que se rexistrou a unhas horas nas que os medios aéreos apenas puideron traballar, pola proximidade do ocaso. Para o control deste incendio mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 17 axentes, 46 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 8 avións.
Monterrei
Permanece activo desde que se orixinou ás 17,05 h. de onte o incendio do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 450 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 13 axentes, 25 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Verín
Continúa controlado desde as 14,43 h. de onte o incendio do municipio ourensán de Verín, parroquia de Queirugás, que se iniciara o mércores.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 144 hectáreas.
Neste lume levan traballado ata o momento 1 técnico, 16 axentes, 31 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 9 avións.