martes, 28 de julio de 2020

EPA II T de 2020: En Galicia a ocupación diminúe en 32.600 persoas e o paro baixa en 14.300 respecto á cifra do trimestre anterior

No segundo trimestre de 2020 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.338.800 persoas, das cales 1.192.900 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 51,0%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas diminúe en 46.900 persoas, mentres que a taxa de actividade diminúe 2 puntos respecto ao primeiro trimestre de 2020.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2019, o número de persoas activas diminúe en 46.200 persoas e a taxa de actividade diminúe 2,1 puntos.

A ocupación diminúe en 32.600 persoas no segundo trimestre de 2020 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.050.400 persoas ocupadas. A taxa de ocupación diminúe 1,4 puntos neste trimestre, ata o 44,9%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas diminuíu en 48.400 persoas, o que supón unha caída do 4,4% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre diminuíu tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns diminuíu en 22.000 persoas respecto ao primeiro trimestre do ano 2020 e a ocupación das mulleres diminuíu en 10.600 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha baixada da taxa de ocupación masculina de 2 puntos e unha diminución de 0,8 puntos no caso da feminina.

Con respecto ao segundo trimestre do ano 2019, o número de homes ocupados diminúe en 21.200 persoas (un -3,7%), mentres que o de mulleres ocupadas diminúe nun 5,2%.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE 2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre diminúe en todos os sectores. Nos servizos a ocupación cae en 19.200 persoas no segundo trimestre do ano respecto ao anterior; a industria rexistra un descenso de 7.400 traballadores e traballadoras; na construción a diminución cífrase en 4.500 persoas e o sector primario é o menos afectado pola contración da ocupación neste trimestre, cunha caída de 1.600 persoas.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2019, a ocupación diminúe no sector servizos e no primario (un -7,4% no primeiro caso e -1% no segundo), mentres que aumenta un 7,2% na construción e un 3,4% na industria.

En Galicia había 850.000 persoas asalariadas no segundo trimestre de 2020, 662.000 con contrato indefinido e os 188.000 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 8.700 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido, o que supón un aumento de 1,3 puntos en termos relativos. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 30.800 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 14,1% con respecto ao primeiro trimestre de 2020). No que respecta á variación interanual, as persoas con contrato indefinido incrementáronse un 3,1% e as persoas con contrato temporal diminuíron un 19,6%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 22,1%.

No segundo trimestre de 2020 en Galicia había 142.500 persoas en paro, 14.300 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,7 puntos e sitúase no 11,9%.

Con respecto ao segundo trimestre do ano 2019, o número de parados e paradas aumenta en 2.100 persoas (un 1,5%) e a taxa de paro aumenta 0,6 puntos.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 71.800 persoas (100 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 70.700 persoas (14.200 mulleres menos en paro). A taxa de paro masculina aumenta en 0,4 puntos porcentuais e a feminina diminúe 1,9 puntos, situándose a primeira no 11,5% e a segunda no 12,4%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino aumenta en 2.900 persoas (un 4,2% menos), mentres que o volume de paradas diminúe en 700 persoas (un 1% menos que hai un ano).

No segundo trimestre de 2020, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 100 unidades e sitúase en 57.100 fogares. Respecto ao segundo trimestre de 2019, esta tipoloxía de fogares increméntase un 9,4%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 400 unidades. O número de fogares nesta situación é de 605.000. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 12.100 fogares menos nesta situación, o que supón unha diminución do 2% en termos relativos.

Dos 318.600 mozos e mozas galegos de entre 16 e 29 anos, 101.900 (o 31,98%) están ocupados, 36.000 (o 11,30%) parados e os 180.800 (o 56,75%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 32% no segundo trimestre de 2020. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 4,9 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2019 diminúe 7 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 26,1% neste trimestre; aumenta 3,4 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co segundo trimestre de 2019, aumenta 6,5 puntos.

No segundo trimestre de 2020, o 77% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao primeiro trimestre de 2020, esta cifra diminúe un 13%, mentres que a de mozos e mozas ocupados a xornada parcial diminúe en 4.100 persoas. Con respecto ao segundo trimestre de 2019 diminúe tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 11.400 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 10.700 persoas).

Se comparamos os datos dos sete grandes municipios galegos, observamos que Lugo e Santiago son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (51,2% e 51,6%, respectivamente) no segundo trimestre de 2020. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (37,9%). No referido ás taxas de paro, este trimestre Pontevedra é o concello de entre os sete grandes con menor valor (7,9%) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (15,8%).

Ourense

Os datos evidencian 125.800 persoas activas (3.100 menos que no trimestre anterior), o que sitúa a taxa de actividade no 46,6 %.

A ocupación sitúase en 109.400 persoas (2.600 menos que no trimestre anterior) . A taxa de ocupación foi do 40,6 %.

No segundo trimestre de 2020 en Ourense había 16.400 persoas en paro (500 menos que no trimestre anterior) o que sitúa a taxa de paro no 13,00 %